
O Centro de Artesanía e Deseño acolleu a presentación do libro Conciencia dunha tradición. Olería de Mondoñedo, Bonxe, Samos e Gundivós, editado polo Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo. A obra, asinada por cinco especialistas, constitúe a terceira entrega da colección dedicada ás formas tradicionais da cerámica popular e dedica unha parte destacada ao estudo da produción de Gundivós, un dos centros oleiros máis recoñecidos da provincia.
O novo volume continúa o labor iniciado con anteriores publicacións sobre Samos e Bonxe, ampliando a documentación dispoñible sobre a actividade oleira e incorporando información etnográfica e antropolóxica relacionada co oficio. No caso de Gundivós, o libro recolle datos sobre a extracción da arxila, os percorridos comerciais, as feiras nas que se vendían as pezas e os fornos empregados polos artesáns, configurando unha visión ampla dun oficio que mantivo unha identidade propia ao longo dos séculos.
Un dos aspectos máis salientables da obra é a incorporación dun análise arqueométrico aplicado ás pezas, unha metodoloxía que permite observar o interior da cerámica e comprender como foi modelada e construída. Este enfoque técnico ofrece información detallada sobre os procesos de elaboración e facilita que novas xeracións poidan reproducir as formas tradicionais con maior precisión.
Durante o acto de presentación, o vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, destacou “o interese de documentar a tradición oleira da provincia desde unha perspectiva técnica e rigorosa, como alternativa imprescindible á transmisión oral que sostivo durante séculos a continuidade destes centros oleiros”. Engadiu tamén que “os oficios artesáns teñen unha oportunidade de desenvolvemento importante nunha sociedade que valora a singularidade e identidade dos produtos e as formas de produción sostibles e ligadas ao territorio”.
A publicación, que conta cun coidado deseño editorial, inclúe un prólogo do arqueólogo Felipe Arias Vilas, correspondente da Real Academia Galega, e pretende contribuír á preservación do patrimonio oleiro de Gundivós e da provincia.•





