
O PSdeG de Sarria reclamou ao goberno municipal que informe con detalle sobre a situación do matadoiro, que permanece pechado e sen unha data coñecida para recuperar a actividade. A formación lembra que o pleno aprobou por unanimidade o pasado 28 de maio unha proposta orientada a acometer as reparacións necesarias para reabrir o servizo, pero asegura que, varias semanas despois, non se comunicaron avances nin calendarios concretos ao sector afectado.
O voceiro socialista, Benjamín Escrontela, sostén que a ausencia de información está a xerar incerteza entre gandeiros, carniceiros e usuarios habituais destas instalacións. Segundo indicou, os profesionais continúan sen coñecer o alcance das avarías detectadas, as actuacións previstas polo Concello nin os prazos estimados para a súa execución. O PSdeG considera que esta falta de comunicación alimenta as dúbidas sobre a continuidade dun equipamento estratéxico para a actividade económica local e inciden na importancia de resolver esta situación coincidindo coa tempada de verán, un período no que Sarria recibe un importante fluxo de visitantes e peregrinos e no que aumenta a demanda vinculada á hostalaría, ao comercio e aos produtos de proximidade. Solicitan a Claudio Garrido, que dea a coñecer as medidas previstas para cumprir o acordo plenario e garantir a reapertura dun servizo que consideran esencial para o sector agrogandeiro e cárnico da comarca.•





