O Xeoparque Montañas do Courel acollerá de novo, os días 17, 18 e 19 de xullo, unha proposta pensada para persoas solteiras que buscan compartir actividades nun ambiente tranquilo e afastado das dinámicas habituais das citas rápidas. A iniciativa celebrou a súa primeira edición o pasado mes de maio e, segundo a organización, a resposta superou as expectativas, o que motivou a convocatoria dunha nova fin de semana temática.
O programa inclúe rutas guiadas por espazos destacados do territorio, visitas a museos e centros de interpretación, así como encontros coa historia, a xeoloxía e as tradicións locais a través de especialistas da zona. A experiencia complétase con propostas gastronómicas e momentos de convivencia pensados para favorecer a creación de vínculos entre participantes de diferentes idades.
Os promotores destacan que non se trata dun formato de citas ao uso, senón dunha oportunidade para descubrir o Courel en compañía. “Non podemos prometer que vaias atopar o amor da túa vida, pero vas namorarte do Geoparque”, sinalan.
A actividade está dirixida a persoas que queiran saír da rutina e explorar Galicia doutro xeito. As prazas dispoñibles son limitadas.•





