O BNG de Monforte defenderá no próximo pleno unha moción orientada á creación de vivenda pública no edificio do antigo Sanatorio Raíces. A iniciativa pretende que o Concello abra contactos coa propiedade para coñecer as posibilidades de adquisición do inmoble e explorar fórmulas de colaboración con outras administracións para facer viable a súa rehabilitación.
A proposta xorde nun contexto marcado polas dificultades de acceso á vivenda, unha situación que afecta especialmente á mocidade e ás familias con menos recursos. Os nacionalistas consideran que a intervención pública resulta necesaria para incrementar a oferta residencial e facilitar o acceso a alugueiros ou vivendas a prezos asumibles.
Segundo explicou o voceiro municipal do BNG, Manuel Luaces, o inmoble reúne características que o converten nunha opción axeitada para este uso, tanto pola súa situación dentro da cidade como polas condicións estruturais que presenta. A formación estima que o edificio podería albergar arredor dunha vintena de vivendas unha vez acometida a súa adaptación.
A moción tamén recolle a necesidade de implicar ao Instituto Galego da Vivenda e Solo e á Administración central na procura de financiamento.•





