
O Club Lemos terá que agardar, cando menos, unha tempada máis para cumprir o obxectivo do ascenso. Os monfortinos quedaron ás portas da Terceira Federación tras unha eliminatoria ante o Portonovo marcada pola crueldade dos minutos finais. Tanto no partido de ida como no de volta, o conxunto lemista viu como encaixaba un gol no tempo de desconto, un desenlace que acabou resultando decisivo nunha promoción que deixou aos de Monforte sen o premio do ascenso.
A dobre confrontación estivo marcada pola igualdade. Foron dous encontros moi pechados, con escasas ocasións de gol e pouco fútbol ofensivo, nos que os dous equipos priorizaron non cometer erros antes que asumir riscos. O respecto mutuo e o medo a perder condicionaron o desenvolvemento da eliminatoria, caracterizada pola cautela, a falta de profundidade e a escasa presenza nas áreas. Visto o sucedido ao longo dos 180 minutos, o empate semellaba o resultado máis acorde cos méritos dun e doutro conxunto. Porén, o fútbol non entende de xustiza e acabou castigando ao Lemos.
Agora toca pasar páxina e mirar cara ao futuro. A entidade monfortina xa anunciou cambios importantes na súa estrutura deportiva de cara á próxima campaña. Remata a etapa de Óscar Moure á fronte desta parcela e tamén a de Marquitos no banco. O seu substituto será Alberto López, un técnico que xa coñece perfectamente a casa e que foi quen de levar ao equipo a disputar unha promoción de ascenso na tempada marcada pola pandemia.
A nova dirección deportiva terá o reto de conservar a base do actual cadro de xogadores e reforzalo con pezas que aporten un salto de calidade. O obxectivo non debería ser só volver competir entre os mellores da categoría, senón construír un proxecto con aspiracións reais de ascenso.
No apartado negativo, máis alá do resultado deportivo, cómpre lamentar o comportamento protagonizado por unha parte da afección lemista tanto na Pinguela como en Baltar. O incremento do seguimento ao equipo e o ambiente vivido durante a promoción son noticias positivas para o club, pero determinadas actitudes non teñen cabida nos campos de fútbol. A tensión propia deste tipo de partidos tamén afectou a algúns directivos e xogadores, que deben ser os primeiros en actuar con serenidade e responsabilidade para servir de exemplo á bancada.
Nada do sucedido pode ser xustificado, independentemente do comportamento que puidese existir no bando contrario. As consecuencias xa se deixaron sentir cunha sanción económica de 60 euros e a obriga de disputar dous encontros a porta pechada, sen descartar novas medidas derivadas dos incidentes rexistrados en Portonovo.
Porque o fútbol é competición e paixón, pero tamén respecto. Saber perder forma parte da aprendizaxe necesaria para, algún día, saber gañar.
A nota positiva para o fútbol monfortino chegou da man do Club Lemos B. O filial, dirixido por Yesi, foi quen de remontar a eliminatoria fronte ao Dorneda e certificar o ascenso a Primeira Rexional. Un premio merecido para unha xeración de xogadores que, ademais de colaborar co primeiro equipo cando foi necesario, demostrou o potencial da canteira local. O éxito do filial confirma que o traballo de formación realizado nos últimos anos comeza a dar os seus froitos. Parabéns aos protagonistas por un ascenso que invita ao optimismo de cara ao futuro. •





