
A Praza de Abastos de Monforte reuniu esta semana a centos de persoas na clausura do Programa Activa 2025-2026, unha iniciativa municipal orientada ao envellecemento activo e á participación social das persoas maiores de 55 anos. A edición que agora remata converteuse na máis concorrida desde a súa creación, con preto de 800 inscritos entre as actividades realizadas no Centro Cívico e nas parroquias.
A xornada serviu para amosar parte do traballo desenvolvido ao longo dos últimos meses mediante exhibicións de baile e unha mostra dos labores elaborados polos participantes. No acto estivo presente o alcalde, José Tomé, quen destacou o valor social do programa e a súa contribución á creación de vínculos persoais e á loita contra a soidade non desexada.
Segundo os datos recollidos nas enquisas de avaliación, os usuarios valoran especialmente os beneficios físicos, emocionais e de convivencia que ofrece esta proposta. O Concello prevé abrir en setembro o prazo de inscrición para a edición 2026-2027.•





