Balseiro defende que a electrificación non resolve por si soa a conexión ferroviaria

A Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible do Senado deu luz verde a unha iniciativa que reclama ao Goberno central unha planificación detallada das actuacións e investimentos necesarios para facer realidade a conexión de Lugo coa alta velocidade ferroviaria. A proposta, defendida polo senador popular José Manuel Balseiro, fixa un prazo máximo de tres meses para presentar esa folla de ruta.
Durante o debate, Balseiro sostivo que a provincia continúa sen compromisos concretos nin calendario definido para integrarse na rede de alta velocidade. O representante popular cuestionou ademais que a electrificación da liña poida considerarse unha solución suficiente, ao entender que mellora o servizo pero non equipara as prestacións ás dunha infraestrutura AVE.
O texto aprobado recolle tamén unha emenda do BNG para reforzar outras reivindicacións ferroviarias da provincia. Entre elas figuran a recuperación dos servizos suprimidos durante a pandemia, a modernización da conexión Lugo-A Coruña e o impulso da variante Curtis-Ordes, considerada clave para mellorar a comunicación con Santiago e co eixo atlántico.•





