PP e Deputación chocan pola cobertura xurídica solicitada por José Tomé

Os populares denuncian que o expresidente pretende cargar á institución o custo da súa defensa mentres Carmela López e Efrén Castro negan que se vaia destinar diñeiro público a ese fin

Os deputados populares plantearán unha moción no pleno para prohibir que a Deputación asuma ningún custe pola defensa de calquera político acusado de delitos sexuais ou que vulnere os dereitos das mulleres. Foto GPPP.

O Grupo Provincial do PP levou ao debate político a petición formulada por José Tomé para activar a cobertura xurídica vinculada á súa condición de deputado provincial. Os populares sosteñen que o expresidente da Deputación, investigado nun procedemento por un presunto caso de acoso sexual, pretende que a institución asuma os honorarios da súa defensa, cun orzamento que, segundo indicaron, ascende a 37.000 euros sen IVE.
O voceiro popular, Antonio Ameijide, anunciou que o seu grupo defenderá no próximo pleno unha moción para impedir que a Deputación sufrague a asistencia xurídica de cargos investigados por delitos graves. O PP acusa ao goberno provincial de ocultar inicialmente a documentación e esixe que PSOE e BNG aclaren se aceptarán esa cobertura. Ameijide afirmou que Tomé debe pagar a súa defensa “do seu propio peto”.
A presidenta da Deputación, Carmela López, respondeu que é falso que exista unha decisión para pagar a defensa de ningún cargo público. A institución lembra que dispón dunha póliza de responsabilidade civil para autoridades e persoal da Administración provincial, un instrumento habitual para evitar indefensións derivadas do exercicio do cargo, pero precisa que a súa aplicación está sometida a condicións.
Segundo a Deputación, a aseguradora só podería asumir gastos no caso de absolución ou arquivo das dilixencias. En ningún caso, sinala a Presidencia, se cubrirían custos asociados á comisión dunha conduta delituosa acreditada. López tamén explicou que a remisión inicial dun expediente equivocado respondeu a un erro material xa corrixido, e rexeitou que houbese ocultación.
Desde a Vicepresidencia provincial, o nacionalista Efrén Castro foi aínda máis explícito ao asegurar que “o goberno da Deputación non destinará nin un só euro á defensa xurídica de José Tomé”. Castro acusou ao PP de lanzar unha mensaxe falsa para “desinformar e crispar” e ratificou que esa posibilidade nunca estivo sobre a mesa do executivo provincial.
O asunto quedará pendente do debate plenario, no que os grupos deberán posicionarse sobre a moción anunciada polo PP e sobre a interpretación da póliza institucional.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

O PSdeG acusa ao PP de difundir información falsa sobre a defensa xurídica de José Tomé

Seguinte Nova

Monforte volve mobilizarse para dar visibilidade á loita contra a ELA

Últimas noticias sobre PORTADA

Ir aInicio

Don't Miss