A cita reunirá 27 adegas da Ribeira Sacra e 12 propostas gastronómicas, nun programa que inclúe música, catas, viñorutas, obradoiros infantís e unha masterclass internacional

Todo está preparado en Monforte para que o Paseo do Malecón acolla, os días 3, 4 e 5 de xullo, a oitava edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra. O certame reunirá 27 adegas da Denominación de Orixe e 12 propostas gastronómicas nun recinto deseñado para combinar viño, produto local, música e actividades para todos os públicos á beira do Cabe.
As adegas participantes representarán distintas zonas da Ribeira Sacra e ofrecerán ao público a posibilidade de coñecer a diversidade dos seus viños. Estarán A Man de Prado, Abadía da Cova, Aborixe, Adega Vella, Algueira, Alma das Donas, Alouviño, Asolagados, Caneiro, Casa Moreiras, Cividade, Condado de Sequeiras, Corzoás, Cruceiro, Don Bernardino, Guímaro, Gullufre, Lingua Loaira, Lucenza, Malcavada, Ohmio, Petrón, Peza do Rei, Regina Viarum, Saiñas, Tear e Val da Lenda.
A zona gastronómica contará con queixos, embutidos, xamóns, xeados artesáns, panadería e restauración. Participarán Queixo Negro Buleri, Lácteos Ribeira Sacra, Quesos MonteCeo, Embutidos Valentina, Tres Fuciños Porco Celta, Xamóns D. Francisco, Xamóns Roberto, Xeados Xeou, Panadería Tuiriz, Panadería La Luna, La Table d’Arnaud e El Hórreo.
O programa abrirase o venres 3 coa música dos Xograres de Lemos, ás 20.30 horas, antes da inauguración oficial. Ás 23.00 horas chegará A Roda, grupo histórico da música popular galega. O sábado 4, tamén ás 23.00 horas, actuará Galifunk, cunha proposta festiva que mestura funk, rock, pop e ritmos bailables.
O VIÑO TAMÉN TERÁ UN ESPAZO INFORMATIVO
O sábado pola mañá, a sumiller Mariña Fernández Toro dirixirá a cata “Mesma linguaxe, distinta paisaxe”, unha comparativa entre Ribeira Sacra e referencias internacionais. Ese mesmo día, Jonas Tofterup, Master of Wine e fundador de Iberian Wine Academy, impartirá a masterclass “Entre Rochas e Viñas: o Esquisto na Copa”, centrada na pegada dos solos de xisto en territorios de viticultura extrema. O domingo, Suso Soneira conducirá “Unha cata, 5 sentidos”, pensada para descubrir aromas, sabores e sensacións.
ACTIVIDADES INFANTÍS
As actividades infantís desenvolveranse nun espazo xunto ao río, con contacontos de Anxo Moure, obradoiros de Velaísca Animación e Figulus e a función de títeres “Sabela e o paxaro máxico”, de Tarabelos.
O festival completará a oferta coas ViñoRutas: o sábado, unha saída polo Sil con visitas a Algueira e Adega Vella e catamarán polo canón; o domingo, unha ruta polo Miño con zodiac, Augacaída, Casa Moreiras e cata de O Segredo do Monxe.
O recinto manterá os stands de madeira, tons granate e violeta, zonas de sombra, wifi aberto e tótems informativos. Haberá tokens de 2,50 euros, un Pack Festival de 3 euros con copa, portacopa e un token, e pulseiras solidarias a un euro, das que a metade da recadación irá destinada a unha entidade benéfica monfortina.
A organización lembra que as reservas para catas, masterclass e rutas deberán formalizarse previamente. O cartel incorpora ademais un código QR coa programación completa, pensado para facilitar a consulta de horarios e actividades durante a fin de semana.
Dende o Concello confían en que a cita volva atraer miles de visitantes e se consolide como escaparate do viño, da gastronomía, da paisaxe e da cultura da Ribeira Sacra.•





