As Catas de Galicia encaran a fase decisiva tras reunir máis de 460 mostras de viños, augardentes e licores

A selección previa elixiu as elaboracións que serán premaidas hoxe en Lugo cos acios de ouro, prata e bronce 2026.
Imaxe de arquivo, co titular do Executivo galego, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, no acto de entrega dos premios da XXXVII Cata de viños de Galicia, XXVII Cata das augardentes e XIV Cata dos licores tradicionais do pasado ano 2025. GPXG.

As Catas de Galicia 2026 entran na súa recta final tras completar a fase previa de avaliación das mostras presentadas ao certame, unha edición que volveu confirmar o elevado nivel de participación e a diversidade das elaboracións amparadas polos selos oficiais de calidade. En total concorreron 462 mostras pertencentes a 152 empresas produtoras, que competiron polos principais recoñecementos da XXXVIII Cata dos Viños, a XXVIII Cata das Augardentes e a XV Cata dos Licores Tradicionais de Galicia. Os galardóns entregaranse hoxe na cidade de Lugo nun acto que distinguirá as elaboracións mellor valoradas neste 2026 polos paneis de expertos.

A maior parte das mostras corresponde ao sector vitivinícola, con 429 referencias presentadas por 142 adegas. Delas, 305 pertencen á categoría de viños brancos e 124 á de tintos, procedentes das distintas denominacións de orixe galegas. Pola súa banda, dez empresas concorren nas categorías de augardentes e licores tradicionais cun total de 33 mostras elaboradas baixo as indicacións xeográficas protexidas correspondentes.

Antes de chegar á fase final, todas as elaboracións tiveron que superar unha precata desenvolvida durante os primeiros días de xullo. Máis de medio cento de profesionais participaron nun proceso realizado integramente a cegas, no que cada mostra foi avaliada exclusivamente polas súas características organolépticas. Os catadores analizaron aspectos como o aspecto visual, a intensidade aromática, o equilibrio, a estrutura ou a persistencia, garantindo un sistema de valoración imparcial e baseado unicamente na calidade do produto.

Nas categorías de viño, cada denominación de orixe contou co seu propio panel especializado, formado por oito expertos. Unha vez rematadas as valoracións, só as seis referencias mellor cualificadas de cada categoría lograron acceder á cata definitiva, da que sairán os acios de ouro, prata e bronce. O mesmo sistema aplicouse ás augardentes e aos licores tradicionais, cuxas mostras foron previamente envasadas en recipientes idénticos para impedir calquera identificación visual relacionada coa marca ou coa presentación comercial.

A fase decisiva estivo nas mans dun panel integrado por doce catadores de recoñecido prestixio, encargado de establecer a clasificación definitiva. Ata a celebración da gala mantense en absoluto segredo as puntuacións e a identidade das elaboracións finalistas, preservando así a confidencialidade do proceso ata o momento da proclamación dos gañadores.

A recollida das mostras estivo supervisada pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, que verificou directamente nas instalacións das empresas participantes o cumprimento do procedemento establecido e o mantemento do anonimato durante todo o proceso. O obxectivo destas catas continúa sendo recoñecer o labor dos produtores que elaboran viños, augardentes e licores baixo os estándares das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, ao tempo que se reforza a proxección dun sector que sitúa os produtos vitivinícolas galegos entre os máis prestixiados do panorama estatal.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Xornada arredor da Economía Social en Chantada

Seguinte Nova

Monforte envía 68 deportistas aos Xogos do Eixo Atlántico

Últimas noticias sobre O MUNDO DO VIÑO E DO AGRO

Cuqui Silva será o pregoeiro

José Manuel Silva é unha das personalidades galegas con maior proxección internacional nos ámbitos da agricultura, o desenvolvemento rural O alcalde de
Ir aInicio

Don't Miss