A Pobra do Brollón celebra a undécima edición da Feira Guímara con teatro, música e artesanía

A xornada incluirá pregón, representación histórica, demostración de oficios tradicionais e actividades para público infantil e adulto. Foto GPPDB.

A Pobra do Brollón acollerá o 11 de xullo a undécima edición da Feira Guímara, unha cita que conmemora a revolta medieval dos habitantes do municipio contra as inxustizas do Conde de Lemos. A programación desenvolverase no campo situado xunto ao río Rubín, antigo espazo feiral, e contará con actividades durante toda a xornada. Ás 11:30 será o pregón a cargo do historiador Manuel Leiras Camiño, seguido ás 12:00 da representación da revolta guímara, protagonizada pola rapazada e aberta á participación do público. A partir dese momento iniciarase un vermú animado pola banda The Tetas’ Van, que celebra quince anos de traxectoria. Entre as 12:00 e as 16:00 haberá unha demostración de oficios tradicionais, con cestería, torno de madeira e cantería a cargo do CENTRAD de Lugo. Ao longo do día permanecerán abertos máis de vinte postos de artesanía e produto local, con propostas que inclúen mel, téxtil, coiro, olería, madeira, cosmética natural e xoiaría. Para o xantar instalaranse mesas de uso libre baixo a sombra das árbores, ademais de postos de polbo, doces, filloas, queixos artesáns e produtos da cooperativa Tres Fuciños. Ás 17:00 celebraranse xogos populares, como a chave e a ra, e organizarase un concurso con categorías infantil e adulta, con inscricións o propio día. Ás 20:30 terá lugar o espectáculo infantil “Chafallas, a vendedora de fume”, de Cris Collazo, inspirado en contos e cantigas tradicionais galegas e portuguesas. A festa continuará pola noite cunha sesión musical a cargo do guímaro DJ Vizcaíno. A programación poderá consultarse na web do Concello da Pobra do Brollón.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

A Noite Meiga estrearase como Festa de Interese Turístico de Galicia

Seguinte Nova

Bóveda anuncia a programación da XXII Feira Outrora de Rubián

Últimas noticias sobre CULTURA

Ir aInicio

Don't Miss