Os traballos no Vilar buscan recuperar o souto e crear unha franxa de protección fronte aos incendios

A Raíña Sofía visitou este mércores o concello de Folgoso do Courel para coñecer os proxectos de restauración ambiental que a Xunta de Galicia e a Fundación Reina Sofía desenvolverán este ano en zonas afectadas polos incendios forestais. A actuación prevista no lugar do Vilar contará con financiamento conxunto e forma parte dun programa que supera os 170.000 euros de investimento entre as provincias de Lugo e Ourense.
No Courel, os traballos centraranse na recuperación da contorna dunha das aldeas máis castigadas polos lumes de 2022. O proxecto contempla a creación dunha masa de frondosas autóctonas arredor do núcleo habitado, co obxectivo de restaurar a paisaxe, recuperar un hábitat tradicional vinculado aos soutos e contribuír á protección do lugar fronte a futuros incendios.
A visita incluíu tamén unha parada no souto da Devesa, onde a Consellería de Medio Ambiente vén de rematar actuacións de mellora e conservación dos castiñeiros. Na comitiva participaron a conselleira Ángeles Vázquez, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, a alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro, e o deputado provincial Pablo Rivera, entre outras autoridades.
Segundo a planificación prevista, as intervencións comezarán este mes e terán unha duración aproximada de catro meses. O propósito é que os traballos queden concluídos antes de rematar o ano.•






