Monforte rozou os 40 graos nun episodio que deixou máximas superiores aos 42 ºC en Ourense

Galicia encadea un verán marcado polas altas temperaturas despois de sumar xa 16 xornadas con avisos por calor e rexistrar o segundo mes de xuño máis cálido desde 1961. Segundo os datos de MeteoGalicia, a temperatura media situouse 2,6 graos por riba do habitual e o inicio de xullo confirmou esa tendencia cun novo episodio extremo que afectou boa parte da comunidade.
A Ribeira Sacra estivo entre as zonas máis castigadas pola calor. O pasado domingo Monforte alcanzou os 39,6 graos, mentres Ribas de Sil chegou aos 40,7. Tamén se rexistraron máximas elevadas en Sarria, con 38,2 graos, e na cidade de Lugo, onde os termómetros marcaron 38,4. O valor máis alto correspondeu a Ourense, con 42,5 graos, nun episodio que tamén deixou noites tropicais en numerosas localidades.
Ante esta situación, a Xunta insiste en reforzar as medidas de adaptación ao cambio climático e manter un seguimento permanente da evolución meteorolóxica e dos recursos hídricos. A Consellería de Medio Ambiente lembra a importancia de facer un consumo responsable da auga e defende avanzar na planificación para responder a fenómenos que, aínda que xa se producían con anterioridade, presentan agora unha maior frecuencia e intensidade.•






