Entrevista a Zahara

Falamos con Zahara, cantante e compositora comprometida coa disrupción artística e a traxectoria evolutiva natural da figura do artista

Zahara recorre a xeografía española con ZAHARAVE, un espectáculo tecnho orientado á reivindicación identitaria. Foto: The Office Comunicación

P: Quen é Zahara? Como te definirías como artista?
R: Pois mira, algo que me definiu toda a miña vida é a curiosidade, e é por iso polo que a miña identidade sempre estivo en construción, na busca de sons cos que me identificase. Puiden ser cantautora, indie, rockeira, fixen metal durante un tempo, aprendín jazz… Sempre tentei aprender de moitos xéneros, levar de cada un o que máis me puidese servir para enriquecer a miña expresión artística. Por iso fago agora electrónica, porque atopei un lugar no que expresarme, no que podo ser eu e gozar, que é o que realmente me gusta. Así que, se algo son, é iso: unha descubridora do son, da música e das emocións.

P: O 11 de xullo traes ao festival Atlantic Pride o teu novo espectáculo ZAHARAVE, unha proposta techno cunha escenografía elaborada e impactante, pensada para ofrecer unha experiencia reivindicativa sobre a liberdade de ser. Estamos ante a etapa máis importante para manifestar a necesidade de ser quen somos ou quen queremos ser?
R: Estamos nun momento marabilloso para reivindicar esa diversidade. Estamos homoxeneizándonos dun xeito perigoso, creando unha identidade baseada en non molestar, cando o que non debería molestar nunca é a identidade de ninguén. A miña música sempre tivo ese trasfondo de exposición das cuestións que me xeran conflito ou incomodidade, e compartilas cos demais. No meu caso, este show é moi político: busca poñer en relevo quen somos, o que custou chegar aquí, o vulnerables que son os nosos dereitos como mulleres, como parte do colectivo LGTBIQ+, como persoas que cuestionan a súa masculinidade ou a presión coa que tiveron que vivir para encaixar… Aproveito a miña música para plantexar iso desde a liberdade. É un espectáculo potente e enérxico no que podes estar no goce, e observar como nos movemos no escenario pode ser unha inspiración, pode darche a oportunidade de sentirte parte do espectáculo. Ademais, ao longo do concerto van sucedendo reflexións, tanto polas letras como polo que aparece na pantalla e na representación escénica, que van máis alá da miña experiencia persoal.

P: Consolidácheste como unha compositora que se rexe pola finalidade última da arte, e o propósito dun artista radica na evolución. Que trazos comparten o techno e a reivindicación identitaria? Reside na expresión corporal? En que momento decataches que o techno sería a túa seguinte manifestación artística?
R: Que bonita pregunta. Sucedeume bailando nunha sesión de electrónica en Berlín, hai uns seis anos. Sentíame libre entre persoas que non coñecía, sen cuestionarme nada, sen reprimirme, sen sentirme vixiada, sen ninguén invadindo o meu espazo. O que sentía bailando era que o tempo non existía, as xerarquías non existían. Daba igual quen fose eu ou quen estivese ao meu lado: non importaba a súa clase, o seu xénero, a súa idade… Sentía que podía expresarme, que os demais tamén, que podían bailar, quitarse a roupa, e que non ía haber un rexistro diso. Entón pregunteime se podía trasladar esa sensación tan marabillosa aos meus concertos, a algo máis grande. Ao vivilo no corpo, estaba no presente, conectada comigo mesma, coa miña respiración, co meu corpo, e a través diso fun consciente da existencia dun espazo único, liminal, no que podía ser todo o que quixese. A partir de aí comecei a teorizar e investigar, a profundizar nos seus orixes na escena techno de Detroit, en como nace nos grupos máis marxinais, como buscan evadirse da presión diaria e como pode conectar persoas sen afinidades aparentes.

P: Vivimos nunha época na que a cultura do concerto tomou un enfoque diferente, e atoparse cun espectáculo cunha escenografía tan impactante resulta inusual na industria contemporánea. De onde vén esa intención escenográfica, ese coidado pola representación visual do universo sonoro?
R: Eu son a miña propia directora creativa desde hai moito tempo. Penso que un concerto é unha expresión musical a nivel sonoro e visual: cando estás abaixo non só escoitas, tamén miras cara ao escenario. É curioso como nunha sesión de DJ a xente non baila de fronte ao DJ; sempre hai unha dirección, sempre miramos cara a onde vén o son ou cara a quen o produce. Paréceme que ese momento é unha oportunidade para min para facer que as cancións conten algo máis. Por iso somos seis bailarinas, cinco mulleres e un home, e estamos tocando, bailando, expresándonos… Todo o que sucede conta unha historia. Non só canto cancións, senón que narro unha historia, intento provocar unha sensación diferente entre o inicio e o final do concerto, grazas a unha concatenación de elementos que se suceden na diérese do directo. Que sexa narrativo paréceme fundamental, non só polos elementos físicos, senón polo que acontece a nivel estético. Por exemplo, as imaxes que usamos son vídeos analóxicos que se gravan, se deforman, se procesan nun sistema híbrido dixital e logo se modifican de novo analoxicamente. Todo o que transmitimos no escenario procuramos que sexa unha metáfora de si mesma, onde cada parte se retroalimenta. Ademais, paréceme unha oportunidade para que unha persoa que non sabe nada da miña música poida conectar non só co son, senón co que aparece na pantalla, co baile, co que sucede cos músicos. Iso é o que me gusta: que ao principio podes conectar cunha cousa e acabas conectando con outra, pero todo está relacionado.

P: A industria musical é un sistema produtivo que manufactura ou aposta pola superficialidade e a uniformidade das súas propostas, prima a cantidade por enriba da identidade. Aínda que xa me respondiches previamente, ¿ZAHARARAVE pode concibirse como unha crítica manifesta desta dinámica?
R: Habería que falar con cada individuo e proxecto sobre a súa motivación (risas). Aparentemente, hai moitos proxectos que nacen desde a replicación de patróns estéticos que xa funcionaron e, sobre todo, desde a busca dun éxito concreto. Hai moita música que se xera na miña contorna que se segue producindo sen cambiar absolutamente nada, e o que me deprime é que non hai unha motivación máis alá da económica ou da exposición. Habería que preguntarlles ás bandas sobre isto; gustaríame ter unha conversa aberta con elas, porque quizais estou equivocada, pero si sinto que hai pouca inquietude disruptiva. É certo que pode que o pensen de min (risas): cando criticas algo podes devolverche esa crítica e preguntarte se es ti. Non obstante, eu si intento crear algo híbrido para o que non hai moitas referencias, e non é que me leve a facelo o feito de que non exista, senón porque é o que me gusta. Esta é unha conversa eterna, pero si me parece que escasea o risco artístico, e sinto que se perderon as ganas de facer música polo simple gusto de facela. Cada vez é máis difícil que a xente se xunte nunha habitación para facer música; o que vexo máis é xente que se xunta consigo mesma na súa habitación para facer algo co propósito de que o “pete”. Sempre vivín afastada de todo iso, e o pouco éxito que tiven na miña vida foi casual e completamente exento de pretensións, e funcionou porque chegou no momento propicio ou encaixei na roda do que gusta, tiven esa sorte.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

A Deputación renova o apoio ao Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra no miradoiro de Santiorxo

Seguinte Nova

A D.O. Ribeira Sacra promociona os seus viños en Bilbao

Últimas noticias sobre CULTURA

Ir aInicio

Don't Miss