O Concello de Monforte adxudicou as obras de mellora da pavimentación en catro estradas das parroquias de Marcelle e San Xulián de Tor, unhas actuacións que permitirán renovar algo máis de 4,5 quilómetros da rede viaria municipal. Os traballos, cun investimento de 91.956,37 euros, recaeron na empresa OPAGA 003 S.L. e contan cun prazo de execución dun mes desde a sinatura da acta de replanteo. As intervencións desenvolveranse nos viarios de Os Asenxos, O Seixo, Pacios-A Meda e Eirexe-Outeiro, onde se levarán a cabo labores de limpeza do firme, reparación de fochancas, aplicación de dobre tratamento asfáltico e renovación da sinalización horizontal. Ademais, na estrada de Eirexe-Outeiro reconstruirase un muro de pedra de once metros de lonxitude e dous de altura que presenta deficiencias estruturais. Estas actuacións enmárcanse no plan municipal de mellora de infraestruturas viarias, dotado con máis de 1,05 millóns de euros para dez proxectos repartidos entre o casco urbano e distintas parroquias. O programa inclúe tamén actuacións en vías principais da cidade e noutras zonas rurais, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria, facilitar as comunicacións e renovar progresivamente a rede municipal antes de que remate o presente ano.•




