
O Pazo de Tor, en Monforte, acolleu o primeiro Encontro de Boas Iniciativas Culturais, unha xornada que reunirá arredor de vinte asociacións, entidades e profesionais da provincia de Lugo co obxectivo de intercambiar experiencias e analizar proxectos que empregan a cultura como elemento de cohesión social e desenvolvemento territorial. A iniciativa forma parte do programa Escola, Cultura e Territorio, promovido polas áreas de Cultura das deputacións de Lugo e da Coruña xunto co Consello da Cultura Galega, que inclúe tamén residencias para axentes culturais e accións formativas dirixidas a responsables municipais. O programa estrutúrase en catro mesas de traballo. A primeira estará dedicada á profesionalización do sector e á presentación de iniciativas vinculadas á xestión cultural e aos proxectos sostibles. Outra sesión abordará propostas centradas na recuperación da memoria, da identidade local e do patrimonio, mentres que unha terceira analizará o papel do asociacionismo na creación de comunidade e na dinamización do territorio. A última parte da xornada porá o foco en festivais e eventos que se teñen consolidado como espazos de participación cidadá e impulso cultural, entre eles o Fancine de Lemos, o Castañazo Rock ou a Foliada da Fonsagrada. O encontro rematará cun xantar de traballo aberto ás persoas asistentes, pensado para favorecer o intercambio de ideas e establecer futuras vías de colaboración entre colectivos e profesionais. A organización sinala que este foro busca identificar experiencias transferibles a outros territorios e reforzar unha rede de cooperación cultural desde o ámbito local. A asistencia, tanto ás sesións como ao xantar, require inscrición previa.



