A aplicación ALume e a ampliación da videovixilancia figuran entre as principais novidades

Galicia volve fortalecer a súa aposta pola prevención cunha actualización do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais (Pladiga) con importantes melloras tecnolóxicas e o reforzo de medios humanos e materiais. O Pladiga contempla o maior orzamento da súa historia con máis de 213 millóns de euros, un 18 % máis que o pasado ano, para mellorar a capacidade de anticipación, ampliar os recursos de extinción e impulsar actuacións preventivas en todo o territorio.
A gran novidade deste exercicio é a aposta pola tecnoloxía como ferramenta para favorecer a detección temperá. O sistema de videovixilancia crecerá un 30 %, ata alcanzar as 241 cámaras repartidas en 111 puntos estratéxicos. Ademais, incorpórase a intelixencia artificial ao sistema interno de xestión, que permitirá detectar automaticamente columnas de fume e focos iniciais sen necesidade dunha primeira comunicación manual.
Outra das incorporacións destacadas é ALume, unha aplicación móbil xa dispoñible para Android e iOS que facilitará á cidadanía alertar de incendios forestais de maneira rápida. A ferramenta permite enviar a localización exacta do lume, incorporar fotografías, gravacións de son e observacións, converténdose nun complemento do teléfono 085 para favorecer unha detección máis temperá.
No ámbito preventivo, o plan prevé actuacións sobre 33.880 hectáreas mediante a apertura e mantemento de cortalumes, creación de faixas auxiliares, tratamentos silvícolas, mellora da rede de pistas forestais e realización de queimas prescritas; así como a través das accións enmarcadas dentro dos apoios ás comunidades de montes e nas colaboracións con entidades locais. Ademais, manteranse as campañas de sensibilización nos centros educativos, con charlas destinadas ao alumnado do rural e novas accións divulgativas adaptadas ao público escolar.
A prevención reforzarase tamén coa colaboración entre administracións e propietarios. O convenio con Seaga para a xestión da biomasa nas faixas secundarias conta cun orzamento anual de 25 millóns de euros, o dobre que o anterior, para facilitar aos concellos e particulares o cumprimento das súas obrigas legais. Ao mesmo tempo impulsarase unha estratexia de aldeas preparadas fronte ao lume, baseada na información veciñal e na promoción de medidas de autoprotección nas zonas con maior risco.
O operativo incrementará igualmente os seus recursos humanos. A Unidade de Directores de Extinción (UDEX), especializada na coordinación de grandes incendios, pasará de seis a quince integrantes, mentres que durante a campaña de alto risco incorpóranse 42 novas brigadas formadas por catro profesionais cada unha. No conxunto da comunidade manterase un dispositivo superior ás 7.000 persoas entre persoal autonómico e efectivos doutras administracións.
Tamén crecerán os medios materiais. O servizo incorporará 16 novos bulldózeres destinados principalmente a tarefas preventivas e ampliará a súa capacidade aérea con dous avións de carga en terra, un avión de coordinación e un helicóptero pesado. Desta forma, a Xunta disporá de 24 aeronaves propias, ás que se engadirán os medios do Estado, ademais dun parque terrestre integrado por arredor de 380 motobombas e vehículos pesados.
A actualización do Pladiga dedica un esforzo especial á formación, cun programa de cursos, exercicios prácticos e adestramentos dirixidos ao persoal operativo, ás entidades locais e á cidadanía. O Pladiga contempla ademais o impulso dun proxecto piloto orientado a reforzar a colaboración da poboación local de cara á vixilanciados incendios forestais nas comunidades de montes veciñais en man común. Esta iniciativa está xa en marcha coa colaboración da Mancomunidade de Montes do Baixo Miño a través da rede “Ollos no Monte”, coa que se organizan equipos de vixilancia preventiva e detección temperá nos montes da súa contorna durante a temporada de verán. Este programa ten repercusións moi beneficiosas e estase a traballar para replicar noutras zonas do territorio.•






