O PP de Monforte acusa ao BNG de manipular a súa posición sobre a ponte do Malecón

O Grupo Municipal do PP de Monforte cargou esta semana contra o BNG e o alcalde, José Tomé. A súa voceira, Katy Varela, censurou as declaracións do deputado nacionalista Iago Suárez na Comisión de Infraestruturas do Parlamento galego, ao considerar que atribuíu sen fundamento aos populares unha suposta complicidade coa futura ponte prevista no paseo do Malecón.
Segundo explicou Varela, a súa formación leva tempo manifestando o seu desacordo con esta infraestrutura e sostén que non resolverá os problemas de circulación nin na contorna do Malecón nin na Ponte Vella. A portavoz tamén rexeitou as críticas do BNG aos informes emitidos pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e defendeu que este organismo actúa unicamente con criterios técnicos. Ao mesmo tempo, insistiu en que a planificación da mobilidade urbana e a execución deste proxecto dependen do goberno municipal.
Os populares consideran que detrás destas acusacións existe unha estratexia política para desgastar ao PP e favorecer un entendemento entre nacionalistas e socialistas de cara ao futuro municipal.
Por outra banda, Katy Varela xustificou a decisión dos concelleiros populares de abandonar o último pleno da corporación. Segundo indicou, a marcha produciuse tras considerar que a sesión estivo marcada por descalificacións e afirmacións que cualificou de falsas por parte do executivo local.
A voceira tamén reclamou ao rexedor unha rectificación pública despois de que, segundo afirmou, establecese comparacións entre a súa situación persoal e a do alcalde. Varela insistiu en que ambos os casos “non teñen nada que ver” e lembrou que a investigación xudicial na que está inmerso José Tomé continúa aberta.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

O BNG reafirma o seu rexeitamento á ponte do Malecón e pide á Xunta que paralice o proxecto

Seguinte Nova

O PSdeG levou ao Pleno unha iniciativa para frear os cambios na atención primaria

Últimas noticias sobre POLÍTICA LOCAL

Ir aInicio

Don't Miss