O responsable sanitario Luis León reuniuse co equipo directivo para analizar as necesidades actuais e futuras do hospital

O xerente do Servizo Galego de Saúde, Luis León, escolleu o Hospital Público Comarcal de Monforte para iniciar a rolda de visitas que a Consellería de Sanidade desenvolverá nos hospitais comarcais galegos co obxectivo de coñecer a súa situación e planificar as necesidades asistenciais a curto e medio prazo.
A xornada comezou cunha reunión de traballo na que participaron a directora do centro, Inmaculata Ramos; o xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte, Ramón Ares, e outros integrantes do equipo directivo. Durante o encontro analizáronse cuestións relacionadas coa organización do hospital, así como as prioridades en materia de infraestruturas, equipamento e recursos para responder á demanda asistencial. A visita serviu tamén para intercambiar impresións sobre os principais retos do centro e establecer unha primeira toma de contacto co persoal responsable dos diferentes servizos.
Tras a reunión, Luis León percorreu diferentes áreas do complexo sanitario. A visita detívose especialmente no Servizo de Farmacia, remodelado recentemente, onde coñeceu as melloras introducidas tanto na xestión como na dispensación de medicamentos. O percorrido incluíu tamén a unidade de exploracións endoscópicas, un servizo cun peso crecente na actividade diagnóstica do hospital e no que se están implantando medidas orientadas a incrementar a capacidade de atención, optimizar os procesos asistenciais e favorecer unha resposta máis áxil aos pacientes.•




