As actuacións beneficiarán tanto ao terreo principal de herba natural como ao campo anexo de céspede artificial

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colaborará co Concello de Pantón na renovación do campo de fútbol do Baliño, en Ferreira, mediante un investimento de 27.000 euros destinado a mellorar as condicións das instalacións deportivas municipais. O anuncio foi realizado polo vao recinto, sede do Ferreira CF, onde confirmou que as actuacións se executarán ao abeiro dun convenio entre ambas administracións.
Os traballos afectarán tanto ao campo principal, de herba natural, como ao anexo de céspede artificial, incidindo nas zonas que presentan un maior desgaste co obxectivo de optimizar o estado dun espazo utilizado habitualmente pola entidade deportiva local e por numerosos usuarios ao longo da tempada.
Durante a visita, Castro enmarcou esta actuación na estratexia da área de Deportes para reforzar a rede de instalacións deportivas existentes nos concellos da provincia. Segundo indicou, este tipo de investimentos permite crear mellores condicións para a práctica deportiva e compleméntase coas liñas de apoio económico que a institución provincial destina ao deporte de base e afeccionado, así como ás diferentes competicións impulsadas pola Deputación.
Coincidindo co anuncio deste investimento, a Deputación informou tamén da publicación no Boletín Oficial da Provincia da resolución provisional das subvencións para clubs e entidades deportivas, dotadas cun orzamento global de 660.000 euros. Nesta convocatoria recóllense 224 axudas para sufragar gastos derivados da actividade competitiva, con contías comprendidas entre os 800 e os 6.000 euros. Tras a publicación da resolución ábrese agora un prazo de dez días para que as entidades interesadas poidan presentar as alegacións que consideren oportunas antes da resolución definitiva.•




