
O Centro do Viño da Ribeira Sacra acolleu a presentación do décimo da Lotería Nacional correspondente ao sorteo do xoves 23 de xullo, unha edición que Loterías e Apostas do Estado dedica á Denominación de Orixe Ribeira Sacra. No acto participaron o presidente da D.O., Antonio Lombardia Crespo, e o delegado comercial de Loterías en Lugo, Luis F. López Lorenzana, quen destacaron o valor simbólico de que a imaxe dos viñedos protagonice millóns de cupóns distribuídos por todo o país. A ilustración escollida representa a paisaxe que identifica á comarca, marcada pola viticultura heroica e pola singularidade dun territorio que combina patrimonio, tradición e unha longa historia vencellada ao cultivo da vide. Desde Loterías lembran que esta iniciativa forma parte da terceira colección dedicada ás denominacións de orixe españolas, coa que se pretende ¡ reforzar a campaña “Alimentos de España”, impulsada polo Ministerio de Agricultura. Durante a presentación, Lombardia sinalou que “esta iniciativa supón unha magnífica oportunidade para seguir proxectando a imaxe da Ribeira Sacra en todo o país”, e subliñou que o décimo rende homenaxe ao esforzo de xeracións de viticultores. Para o sorteo poranse á venda seis millóns de décimos, que permitirán difundir a marca Ribeira Sacra en toda España. O reparto de premios ascenderá a 12,6 millóns de euros, cun primeiro premio de trescentos mil euros por serie e un segundo de sesenta mil euros por serie.•




