A polémica pola futura ponte do Malecón eleva a tensión política entre PP e BNG

A tramitación da futura ponte sobre o río Cabe, na contorna do Malecón de Monforte, volveu situarse no centro do debate político tras o anuncio do Partido Popular de levar ao próximo pleno da Deputación unha iniciativa para solicitar a rescisión do convenio de 1,8 millóns de euros aprobado coa administración local. A formación sostén que ese acordo servirá para financiar parte da infraestrutura e considera que debe quedar sen efecto mentres continúe a controversia social arredor do proxecto. O portavoz provincial do PP, Antonio Ameijide, e a voceira popular en Monforte, Katy Varela, compareceron para presentar a iniciativa, coa que pretenden impedir que a institución provincial destine recursos económicos a unha actuación que, segundo defenderon, conta cun amplo rexeitamento entre a veciñanza. Ameijide explicou que a moción buscará “garantir que os recursos públicos de tódolos lucenses non vaian a parar, en concreto, para o proxecto da nova ponte do Malecón que ten unha forte contestación social en Monforte”.
O responsable provincial dos populares insistiu en que a súa formación non cuestiona a chegada de investimentos á cidade, senón o destino que se lles pretende dar. “Non estamos en contra de que veñan cartos para Monforte dende calquera administración; o que non queremos é que ese diñeiro de tódolos lucenses vaia directamente para financiar parte do custo desta ponte”, afirmou.
Boa parte das críticas do PP dirixíronse igualmente ao BNG, socio de goberno do PSOE na Deputación. Ameijide asegurou que os nacionalistas manteñen unha posición contraditoria sobre esta actuación, ao opoñerse publicamente á ponte en Monforte e, ao mesmo tempo, apoiar desde o executivo provincial un convenio que, ao seu xuízo, facilitará o seu financiamento. O portavoz popular chegou a cualificar a actitude do BNG de “pagafantas” e sostivo que “as escusas do BNG xa non as cre nin o propio Efrén Castro”, ao tempo que se preguntou “quen se pode fiar dunha persoa como Efrén Castro que di unha cousa en Monforte e fai a contraria na Deputación”.
Pola súa banda, Katy Varela avanzou que o Grupo Popular trasladará tamén o debate ao Concello mediante outra moción na que expresará o seu rexeitamento á actuación. A portavoz municipal entende que José Tomé “non está lexitimado” para comprometer 2,8 millóns de euros do orzamento municipal para exercicios futuros cando restan apenas dez meses para a celebración das eleccións locais. Segundo indicou, se o goberno local consideraba prioritaria esta infraestrutura “tivo máis de tres anos para realizala”, polo que cuestionou que a súa execución se impulse neste momento.
Varela aproveitou tamén a comparecencia para insistir nas críticas ao BNG, lembrando as declaracións realizadas por representantes nacionalistas noutras institucións contra a futura ponte. Ao seu entender, existe unha contradición entre ese posicionamento e o respaldo ao convenio provincial, polo que acusou aos nacionalistas de manter un dobre discurso. A voceira popular concluíu defendendo que o PP seguirá opoñéndose á construción da infraestrutura e asegurou que os fondos previstos para esta actuación deberían destinarse a outras necesidades da cidade, como a renovación das redes de abastecemento e saneamento, en lugar de financiar unha obra que, segundo reiterou, continúa xerando unha importante contestación social.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Obradoiro Práctico

Seguinte Nova

Antonio Fontenla recibe o Premio Empresario Galego do Ano no Encontro da Toxa

Últimas noticias sobre PORTADA

Estamos en Festas

As Festas Patronais de Monforte continúan este venres 14 cunha programación que combina música, tradición e actividades nas rúas. As celebracións deixaron
Ir aInicio

Don't Miss