
A Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel celebrou o pasado 15 de xullo o quinto aniversario da súa declaración pola Unesco, nun acto institucional no que a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, fixo balance das actuacións desenvolvidas desde 2019. A representante autonómica explicou que, ao longo deste período, se mobilizaron 5,5 millóns de euros en iniciativas destinadas a preservar un territorio que integra máis dunha vintena de concellos e que combina natureza, patrimonio e actividade humana nunha identidade recoñecida internacionalmente. Vázquez destacou que a estratexia aplicada implicou a coordinación de distintos departamentos da Xunta en seis ámbitos prioritarios, entre eles a biodiversidade, a paisaxe, os recursos hídricos, a economía circular, o cambio climático e o apoio aos concellos. Entre as actuacións salientou os traballos de restauración ambiental, a recuperación da continuidade ecolóxica do río Lor e intervencións en máis de cen hectáreas de bosques autóctonos e soutos tradicionais. Tamén subliñou o investimento de 3,5 millóns de euros executado por Augas de Galicia para mellorar sistemas de abastecemento, saneamento e depuración en varios municipios da Reserva. Outro dos fitos foi a unificación das áreas de especial interese paisaxístico dos Canóns do Sil e do Miño nunha única área denominada AEIP Ribeira Sacra, co obxectivo de reforzar unha visión coherente da paisaxe. A conselleira lembrou que a xestión dunha Reserva da Biosfera require conservar ecosistemas, protexer recursos naturais e implicar á comunidade científica, ás empresas e á veciñanza, ademais de “confiar nas persoas que viven no territorio”. Vázquez afirmou que esta figura de protección ofrece “unha oportunidade” para impulsar un turismo responsable, apoiar sectores produtivos, crear emprego e fixar poboación. De cara ao futuro, avanzou que a Xunta continuará traballando con planificación e rigor para protexer este patrimonio excepcional e reforzar a candidatura da Paisaxe Cultural da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Unesco.•




