Casa Moreiras e Viña Vella lograron as medallas de ouro nas categorías de tintos e brancos. O certame serviu tamén para conmemorar os trinta anos da Denominación de Orixe Ribeira Sacra

O Hotel Iberik Augas Santas Balneario & Golf, en Pantón, acolleu a entrega dos premios da XXX Cata dos Viños da Ribeira Sacra, un certame organizado polo Consello Regulador da Denominación de Orixe que cada ano distingue as elaboracións máis destacadas das adegas inscritas. A edición deste ano tivo tamén un significado especial ao coincidir coa conmemoración dos trinta anos da creación da denominación, converténdose nun acto de recoñecemento ao traballo desenvolvido polo sector vitivinícola ao longo destas tres décadas.
Na cata participaron 22 adegas, que presentaron un total de 64 mostras repartidas entre viños tintos, brancos e doutras anadas. Como é habitual, a selección realizouse mediante catas completamente ás cegas, baixo supervisión notarial, antes de dar a coñecer o palmarés. Na categoría de tintos da colleita 2025, a medalla de ouro correspondeu a Casa Moreiras, mentres que Promine Singular recibiu a prata e Campaza o bronce. Entre os brancos, Viña Vella acadou o primeiro posto, seguida de Peza do Rei e Pasal de Esile. Na categoría de viños doutras anadas concedéronse tres medallas de ouro a Vel’uveyra Mencía Rosado 2024, Sollio Mencía Barrica 2024 e 1904 Mater Granite Branco Summum Garda 2022.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou na entrega dos galardóns e puxo en valor a evolución experimentada pola denominación. Durante a súa intervención destacou que “a Ribeira Sacra pasou de ser un tesouro coñecido sobre todo polos galegos a converterse nun referente internacional da viticultura heroica”, ao tempo que reafirmou o compromiso da Xunta co desenvolvemento do sector e coa candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Unesco.
O presidente do Consello Regulador, Antonio Lombardía, lembrou que os primeiros trinta anos da denominación representan “un logro común” que contribuíu a fortalecer a identidade dun territorio recoñecido hoxe pola calidade dos seus viños. Os trofeos entregados aos premiados, elaborados en barro por José Elías González Prieto, do Centro Oleiro de Gundivós, volveron simbolizar a unión entre a tradición artesá, a paisaxe e a viticultura que caracterizan á Ribeira Sacra.•




