A recreación da malla e a programación cultural centraron unha nova edición da feira

A parroquia de Rubián, no concello de Bóveda, acolleu unha nova edición da Feira Outrora, unha das citas máis consolidadas do calendario estival da comarca. A vixésimo segunda convocatoria reuniu máis de medio cento de postos de artesanía e un amplo programa de actividades que combinou tradición, gastronomía e música para todos os públicos.
Ao longo da xornada sucedéronse demostracións de antigos oficios, obradoiros do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación, degustacións de produtos galegos, actuacións musicais e propostas infantís. Un dos momentos máis agardados foi, un ano máis, a recreación etnográfica da malla, acompañada do tradicional isco no guizo, dous actos que evocan os labores agrícolas de antano e constitúen un dos sinais de identidade desta feira. O programa completouse coa participación da Banda Sons e Soños, da Coral Municipal de Bóveda e co espectáculo de clausura a cargo de Antonio Barros.•




