Entrevista a Iván Patiño

Falamos con Iván Patiño sobre a duocédima edición do Fancine de Lemos, a transmisión da cultura cinematográfica á xuventude e o auge da tecnoloxía

Na consolidación do terror como o formato cinematográfico mainstream da actualidade, o Fancine de Lemos estabelécese como festival referente do xénero na provincia de Lugo. Foto IP.

P: Como xorde a idea de organizar o Fancine de Lemos?
R: Pois mira, o festival nace en 2014 da man de Carlos Álvarez e máis eu. Nós estudáramos na Escola de Cine de Ponferrada, e vimos como unha especie de baleiro arredor deste tipo de festivais, e pensamos que estaba ben facer algo así. Desde a primeira edición tivo moito impacto, e vimos que era necesario continuar, deixar a broma a un lado e tratar de confeccionar un festival de cine máis potente. Aquí seguimos na loita, doce anos despois. Basicamente, o Fancine de Lemos nace desa necesidade e dese amor polo xénero.

P: A duodécima edición do Fancine de Lemos renderá homenaxe á icónica película Scanners, dirixida por David Cronenberg. A que se debe a predisposición do festival cara ao xénero fantástico e de terror?
R: Hai varias razóns. O plantexamento inicial consistía en facer algo máis autoral, pensamos na posibilidade de organizar eventos de cine experimental, pero no momento en que sacamos o festival só había dous festivais de xénero en Galicia, e ningún estaba en Lugo. Entendemos que aí había un nicho e decantámonos por ese camiño. Outra razón é o amor por este tipo de directores e de cine, e a terceira radica no ben que conecta co público. Ao final, estás xerando un espectador moi fiel ao xénero, que conecta moi ben co festival, o que che permite crear unha fanbase que nunca falla.

P: Falabas do amor polo cine que impulsou o lanzamento do festival doce anos atrás, e tamén comentaches a boa acollida por parte do público. Resulta difícil trasladar a cultura cinematográfica ás novas xeracións?
R: Son moi crítico con todo o que ten que ver coas novas tecnoloxías, co exceso de publicidade e co maltrato ao formato. Porén, pasan os anos, e cando vou a festivais máis importantes como Sitges ou Cannes, noto que a forma de conectar co cine segue intacta. Chámame a atención que, a pesar dos perigos que hai soltos, a relación co cinema continúa sendo a mesma que hai cen anos. Mantense esa maxia de entrar nunha sala e que un halo de luz pase pola túa cabeza e te conecte coa pantalla. É certo que noto que o espectador novo é máis novo, non ten a mesma cadencia ca nós, e vese en películas máis pausadas. Por exemplo, lembro que aquí funcionou moito mellor Tren a Busan, unha película de zombis que non para nin un segundo, que O Exorcista, quizais a película máis importante do xénero. Este fenómeno fala un pouco diso: aínda que a conexión siga vixente, o ritmo co que a nova xeración ve cine pode ser diferente. En todo caso, amosan moito interese e probablemente teñan máis coñecemento do que tiñamos nós.
P: Se miramos a cartelera actual, atopamos tres ou catro películas de terror, o que confirma o seu ascenso como xénero mainstream. Como abordades este cambio de popularidade?
R: Tes toda a razón, o terror converteuse en mainstream. Cada semana tes diferentes producións en cartelera, como é o caso de Obssesion, unha película feita con catro duros que está recadando centos de millóns. Pregúntome se pasaría o mesmo con comedias románticas ou cine bélico, e creo que non. Chámame a atención que xéneros como a comedia romántica, o cine bélico ou os westerns estean desaparecendo, mentres o terror segue evolucionando, cambiando as súas premisas fundamentais. Penso que o seu éxito se debe a que nunca perde a frescura. Nós tratamos de abarcar todo o posible, entender esa evolución e poñer en valor películas que a reflictan. Estamos ilusionados porque parece que o terror se recoñece polo que é: un xénero que conecta moi ben coas novas xeracións e coas novas formas de comunicación.

P: Ao longo destes doce anos, seguindo a traxectoria do concurso de curtametraxes do festival, que valoración fas da evolución cualitativa das propostas? Por outra banda, non es partidario das novas tecnoloxías, pero hai directores e estudos que comezan a incorporar IA ás súas producións. Aceptaríades un curto feito integramente ou maioritariamente con IA?
R: Bueno, habería que debatilo. Seguramente o resto do equipo me convencería de que o lóxico sería aceptalo, porque haberá que entender que estas ferramentas son facilitadoras. A min moléstame máis a forma de ver cine que a de facelo. Para min, facer cine é un acto de amor, e é o mesmo acto de amor rodar en 35mm ca cun móbil. O que non entendo é que unha máquina faga todo o traballo; iso si que non o podería consentir. Entendo que funcione como ferramenta que axude a sacar adiante unha película ou un curto, pero non como substitutivo. Haberá que mirar cada caso, ver canto ten de IA e canto de orixinal, pero polo de agora, si e non. Por outra banda, quero destacar o concurso de curtametraxes, o eixo principal do festival, un formato co que comecei hai vinte anos e no que mellor o paso. É unha marabilla ver as propostas que chegan: das 198 recibidas este ano quedou unha selección moi potente de 25 curtos. Iso permite que, nun bloque dunha hora e media, poidas ver sete ou oito curtametraxes moi coidados, que van desde Galicia ata o ámbito nacional e internacional. É un formato que o Fancine de Lemos apoia moito.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Os destilados e viños galegos acadan recoñecementos nas Catas de Galicia 2026

Seguinte Nova

A Xunta destaca cinco anos de avances na Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel

Últimas noticias sobre PORTADA

Estamos en Festas

As Festas Patronais de Monforte continúan este venres 14 cunha programación que combina música, tradición e actividades nas rúas. As celebracións deixaron
Ir aInicio

Don't Miss