O empresario monfortino José Manuel Rodríguez Fernández será o encargado de dar o pistoletazo de saída ás Festas Patronais 2026 coa lectura do pregón inaugural, prevista para o 11 de agosto, ás 20.30 horas, na Casa do Concello. O anuncio foi realizado polo alcalde, José Tomé, quen explicou que a designación pretende servir de recoñecemento ao papel que desempeñan os empresarios e emprendedores no desenvolvemento económico do municipio.
Enxeñeiro industrial de formación, Rodríguez é director xeral da Cooperativa Lemos Celega e está á fronte de Autos Lemos e da empresa familiar Transportes Agustín. Segundo destacou o rexedor, o conxunto destas actividades suma 93 postos de traballo e alcanza unha facturación anual de 138,5 millóns de euros, reflectindo a relevancia da súa traxectoria no ámbito empresarial.
Tomé sinalou que o futuro pregoeiro aceptou a proposta formulada polo Concello e definiuno como “un empresario feito a si mesmo”, que decidiu desenvolver a súa carreira profesional en Monforte. O alcalde tamén puxo en valor a súa colaboración co tecido asociativo da cidade e indicou que a súa elección simboliza o apoio municipal á iniciativa empresarial e ao papel que este colectivo desempeña na creación de emprego e riqueza na comarca.•




