
Renfe e a Policía Nacional impulsan durante o verán unha campaña dirixida a promover un turismo máis seguro, coincidindo co aumento dos desprazamentos do período estival. A iniciativa desenvolverase nos servizos Avant que enlazan A Coruña, Santiago e Ourense, así como nos trens de Media Distancia entre A Coruña e Vigo.
A acción consiste na instalación de fundas informativas nos repousacabezas dos asentos, desde as que os usuarios poden acceder, mediante códigos QR, a recursos relacionados coa seguridade durante as viaxes. Entre eles, figuran recomendacións preventivas, información de utilidade para visitantes, datos sobre o Plan Turismo Seguro, o Pasaporte de Seguridade para turistas e a aplicación MiDNI, que permite acreditar a identidade desde o móbil.
O obxectivo é ofrecer ferramentas prácticas que axuden a reducir situacións de risco e faciliten o acceso a información útil durante os desprazamentos en tren. A colaboración entre Renfe e a Policía Nacional busca así reforzar a atención ás persoas viaxeiras e contribuír a unha mobilidade máis segura nun dos períodos con maior afluencia turística do ano.•




