A empresa foi beneficiaria destes apoios e a Consellería destaca o peso do sector lácteo entre os proxectos financiados

A Xunta de Galicia elevou ata os 15 millóns de euros a partida destinada a apoiar investimentos que incrementen o valor das producións agrarias, catro millóns máis dos previstos inicialmente. O anuncio realizouno a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, durante unha visita ás instalacións de Celega, no Saviñao, unha das empresas beneficiarias destas achegas.
A convocatoria para transformación e comercialización de produtos agrarios incorpora tamén este ano unha liña específica para actuacións con finalidade ambiental, dotada con 7,9 millóns. Segundo os datos da Consellería de Medio Rural, desde 2016 mobilizáronse 195 millóns en axudas para máis de 600 proxectos industriais. De acordo con estes datos, a metade das empresas beneficiarias pertencen ás ramas láctea e cárnica.
Gómez estivo acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros. A responsable autonómica situou Celega entre as industrias máis importantes do sector lácteo galego e destacou tanto a súa base cooperativa como o volume de leite que adquire a explotacións da comunidade. Tamén fixo referencia ás certificacións da compañía en seguridade alimentaria, xestión ambiental, benestar animal e residuo cero.
Celega ten a súa planta no Saviñao e está vinculada á Cooperativa Lemos. A súa actividade industrial baséase na recollida e transformación de leite. A visita serviu para coñecer os investimentos desenvolvidos pola firma e abordar o papel das axudas públicas na modernización dos procesos produtivos.
A Consellería sinala, ademais, que estas liñas buscan contribuír a favorecer a modernización das empresas agroalimentarias e reforzar a transformación da materia prima en Galicia. O incremento afecta á partida orientada á valorización das producións, mentres a nova modalidade ambiental apoiará investimentos relacionados coa sustentabilidade das instalacións.
A axenda da conselleira de Medio Rural no Saviñao completouse coa súa presenza en Escairón na tradicional carreira de burros, celebrada dentro das Festas da Virxe das Dores. A proba, unha das citas máis singulares do programa festivo da capital municipal, alcanzou este verán a súa histórica 74ª edición. Gómez asistiu ao evento xunto ao delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Alfonso Villares.•






