
A selección de Indonesia xa está en Chantada, onde permanecerá dez días para desenvolver a primeira parte da súa pretempada e disputar dous encontros no pavillón municipal. O combinado asiático está dirixido desde 2024 polo chantadino Héctor Souto, que regresa así á súa vila cun equipo co que acadou importantes resultados no fútbol sala do sueste asiático.
A primeira cita será este venres 14, ás 20.30 horas, fronte ao Parrulo Ferrol. O segundo encontro chegará o martes 18, tamén ás 20.30 horas, dentro do I Torneo de Fútbol Sala Terras do Asma, e terá como rival ao Palma Futsal, tres veces campión da UEFA Champions League. Os dous partidos disputaranse no Pavillón Municipal de Chantada, acondicionado para recibir estas citas.
A estadía forma parte da preparación internacional de Indonesia antes dos seus próximos compromisos. Tras consolidar a súa posición no fútbol sala do sueste asiático, a selección busca medirse con rivais doutros contextos competitivos. Despois desta concentración en Galicia, o equipo regresará a Indonesia e continuará a súa preparación en outubro en Brasil, .
Para Souto, estes encontros teñen ademais un significado persoal. O técnico volve coa selección que dirixe ao pavillón no que durante anos estivo vinculado ao fútbol sala local, tanto como espectador como no traballo coas escolas deportivas. A expedición está formada por máis dunha vintena de persoas e a súa presenza sitúa Chantada no percorrido internacional do equipo.
A iniciativa está organizada pola SD Chantada coa colaboración do Concello e do propio Héctor Souto. A estancia permitirá á selección combinar os adestramentos e os dous partidos cun primeiro contacto coa localidade antes de continuar unha preparación orientada ás próximas competicións internacionais.•






