
O Concello de Chantada completou durante este mes de agosto unha programación de astroturismo que reuniu actividades gratuítas destinadas a achegar a astronomía á veciñanza e visitantes. A Oficina de Turismo organizou o día 6 unha observación estelar guiada e, o venres 7, unha charla divulgativa centrada na eclipse solar no Auditorio Municipal, onde o astrofísico Borja Tosar e a optometrista Teresa Feás explicaron as claves do fenómeno e as medidas necesarias para unha observación segura. Chantada, certificada como Municipio Starlight, situouse nunha das zonas privilexiadas para seguir a franxa de totalidade da eclipse, que comezou ás 19:32 horas, acadou o seu máximo ás 20:29 e finalizou ás 21:22. Para facilitar a observación, o Concello difundiu un cartel informativo con recomendacións e localizacións adecuadas, entre elas o Parque Eloísa Rivadulla, o Mercado Gandeiro, o Muíño da Alameda, o Parque das Piscinas e, no resto do municipio, o Monte Faro e áreas con vistas despexadas cara o mesmo. O material incluíu normas de seguridade, como o uso obrigatorio de lentes certificadas baixo a norma ISO 12312-2 e a prohibición de mirar o sol directamente ou a través de dispositivos sen filtros específicos. As gafas distribuídas pola Deputación foron entregadas entre participantes dos campamentos infantís e colectivos vulnerables. O alcalde, Manuel Lorenzo Varela, apelou á responsabilidade cidadá, lembrando a importancia de escoller con antelación o lugar de observación.•






