
A XXVII Feira do Libro de Monforte celebrarase na zona peonil da céntrica rúa Cardeal entre o mércores 26 e o sábado 29 de agosto. A cita, integrada no Verán Cultural do Concello, pecha o calendario das Feiras do Libro 2026 da Federación de Librarías de Galicia, logo de percorrer outros 12 municipios galegos.
Este evento literario contará con 7 casetas, abertas de 11:00 a 14:00 horas e de 19:00 a 22:00 horas, e cun amplo programa de actividades que inclúe presentacións, sinaturas de libros, espectáculos de animación á lectura e encontros con autores. O acto inaugural terá lugar o mércores 26 ás 19:00 horas, coa escritora bovedense Yolanda Álvarez como pregoeira. No acto participarán a xerente da Federación de Librarías de Galicia, Olaya Tembra, a deputada de Cultura da Deputación de Lugo, Iria Castro, e o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo.
A organización anima á veciñanza e ás persoas que visitan Monforte a achegarse á feira para coñecer as novidades literarias e desfrutar da diversidade de propostas que ofrece. Ademais, todos os libros adquiridos na feira contarán cun desconto do 10%.
As casetas participantes nesta edición son: ULA Libraría Social (A Coruña), Libraría Cartabón (Vigo), Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo, A Gata Tola (Santiago de Compostela), Librería Entre Libros (Monforte), Libraría Agrasar (Monforte) e Librería Pelayo–Peruchela Edicións (Monforte).






