
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola tenente de alcalde, Gloria Prada, e polo concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, asistiu este domingo á Festa da Empanada de Monforte, celebrada na área recreativa de Ribas Altas e organizada pola Asociación de Veciños de Ribas Altas coa colaboración do Concello.
A cita reuniu numeroso público, que encheu o recinto nunha das celebracións con máis tradición do municipio. A xornada comezou ao mediodía co xantar popular, no que a empanada volveu ser a protagonista indiscutible. Tras a comida, realizouse o sorteo de agasallos e procedeuse á entrega dos premios ás mellores empanadas presentadas.
A festa, amenizada con música tradicional, forma parte do Programa do Verán Cultural impulsado polo Concello de Monforte, que cada ano promove actividades destinadas a dinamizar a vida social e cultural da cidade durante os meses estivais.






