
O Concello de Chantada celebrou dous dos actos centrais das súas Festas Patronais na honra á Virxe do Carme: o Folión de Carros, declarado Festa de Interese Turístico Galego e Ben de Interese Cultural (BIC), e a lectura do pregón, a cargo do escritor Xosé Miranda Ruíz.
Durante a tarde, os carros permaneceron expostos na Avenida de Ourense, onde tamén se desenvolveu a X Foliada Carroceira, coa participación da Agrupación Tradicional da Casa da Música de Chantada, Os Barrios, Searas, Dakidoasma e a Banda de Gaitas de Chantada. Precisamente esta última foi a encargada de abrir, un ano máis, o Folión, que comezou puntualmente ás 23:00 horas para desfilar pola rúa Mariano Cedrón e a Avenida de Monforte. As representacións dos 13 carros participantes desfilaron ante milleiros de persoas que se achegaron á vila para gozar dun espectáculo que exalta as tradicións chantadinas. O desfile concluíu na Praza de Galicia, escenario da lectura do pregón.
Xosé Miranda Ruíz, escritor e biólogo, antigo director do IES Val do Asma e veciño de Chantada entre 1983 e 1991, lembrou no seu discurso a forte vinculación persoal coa vila: “Non son chantadino de nacencia, sono de opción”, afirmou, evocando os anos en que viviu, traballou e formou familia na localidade. No pregón, Miranda repasou a tradición vitícola de Chantada e destacou o valor das festas dun pobo que traballa: “A festa e o traballo son indisolubles… o Folión dos Carros é exemplar, pois alía traballos e festa”.
O pregoeiro fixo tamén un percorrido etimolóxico polas palabras carro e folión e evocou versos de Manuel María, Álvaro Cunqueiro, Uxío Novoneyra, Cuña Novás, Ramón Cabanillas e Otero Espasandín. Ademais, lembrou a tradicional Festa da Empanada, que se celebra o martes 25 de agosto, festa local en Chantada, citando ao escritor Rubén Eyré para destacar a súa antigüidade e carácter popular.
Antes de coñecer o palmarés do Folión, entregouse un agasallo ao pregoeiro e un recoñecemento ao Grupo de Gaitas Os Barrios, polo seu 120 aniversario.
Premios do Folión de Carros 2026
Os 13 carros participantes representaron diversos motivos tradicionais, todos tirados por unha xugada de vacas ou bois. O desfile desenvolveuse con bo tempo, puntualidade e sen incidencias. O xurado, composto por unha vintena de persoas e dividido en tres seccións (Folión, vacas e textos), estableceu a seguinte clasificación xeral:
- O millo, máis ca un cultivo (Carro nº 5)
- Oficio inédito. Os irmáns espantallo (Carro nº 12)
- Unha ventá ao mundo nos Catro Camiños (Carro nº 8)
- Círculo Recreativo Cultural (Carro nº 6)
- A casa do Macario (Carro nº 11)
- Os esgrafiados da Ribeira Sacra (Carro nº 9)
- O pasado mineiro escondido no Monte Faro (Carro nº 4)
- A malla do trigo (Carro nº 3)
- Da terra á cunca (Carro nº 7)
- Co Arrojo chegou a televisión a Chantada (Carro nº 1)
- Ribeira O Meixolo (Carro nº 2)
- La cigüeña los trae, Merceditas los viste (Carro nº 13)
- No San Xoán… habelas, hainas (Carro nº 10)
Premios Carro Tradicional
1º · Da terra á cunca (Carro nº 7) 2º · La cigüeña los trae, Merceditas los viste (Carro nº 13) 3º · No San Xoán… habelas, hainas (Carro nº 10)
Recoñecementos especiais
- Mellor memoria explicativa: Unha ventá ao mundo nos Catro Camiños (Carro nº 8)
- Mellor trato animal: Oficio inédito. Os irmáns espantallo (Carro nº 12)
- Mellor xugada (elegancia, vestimenta, adornos): A malla do trigo (Carro nº 3)
- Mellor manexador/a: Círculo Recreativo Cultural (Carro nº 6)
- Mellor vaca/boi individual: Ribeira O Meixolo (Carro nº 2)
- Mellor xugada 2026: Co Arrojo chegou a televisión a Chantada (Carro nº 1)
A edición deste ano concluíu arredor da 1:30 horas, seguida da actuación da Orquestra Tango. No palco do xurado e autoridades estiveron presentes membros da Asociación Amigos do Folión, representantes da Xunta de Galicia, integrantes da corporación municipal e diversas asociacións de Chantada e da comarca.






