
Comeza o período de exposición pública do proxecto de restauración ambiental e construción da senda peonil que percorrerá as marxes dos regatos das Malloadas, Penela e Zapardiel, cunha lonxitude superior aos 4 quilómetros, desde o edificio de Correos ata o Fogar de San José, no inicio do Paseo do Malecón.
Tras a aprobación plenaria do proxecto no mes de xuño e o envío da documentación á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), o organismo acordou continuar co procedemento administrativo e someter a información pública os documentos relativos ás obras previstas e á relación de bens e dereitos afectados. A documentación publicarase na web oficial da CHMS e poderá examinarse durante un prazo de 20 días, contado desde o día seguinte á publicación do anuncio no último dos boletíns oficiais obrigatorios: o Boletín Oficial del Estado e o Boletín Oficial da Provincia de Lugo. Tamén poderá consultarse nas oficinas da CHMS, mediante cita previa, e no taboleiro de anuncios do Concello, onde xa está exposta a relación de afectados.
Unha vez finalizado este trámite, a CHMS licitará as obras de maneira inmediata, coa previsión de que os traballos poidan comezar entre os meses de marzo e abril do próximo ano.
O proxecto, aprobado en xuño, permitirá crear unha senda peonil circular ao longo dos tres regatos, configurando un corredor verde que transformará a estrutura urbana, ambiental e social de Monforte. A iniciativa deriva do convenio asinado en novembro de 2024 entre o Concello e a CHMS para a construción desta senda peonil circular.
O investimento previsto ascende a 6.125.000 euros, que inclúe expropiacións, redacción do proxecto e execución das obras. O financiamento será asumido nun 80% pola CHMS e nun 20% polo Concello de Monforte, cunha achega de 5.280.000 euros por parte da Confederación e 845.000 euros por parte do Concello.
A actuación permitirá recuperar espazos que permaneceron fóra da trama urbana durante décadas, incorporándoos como áreas accesibles e coidadas. A senda conectará barrios, parques e lugares emblemáticos, formando un circuíto continuo que enlazará co Paseo do Malecón e co Parque dos Condes. O proxecto inclúe tamén a restauración ambiental dos regatos mediante a recuperación da vexetación de ribeira e a mellora do estado ecolóxico, co obxectivo de integrar a natureza na cidade e convertela nun elemento de cohesión urbana, benestar e calidade de vida.






