
O Concello de Chantada concluíu as Festas Patronais na honra á Virxe do Carmen, celebradas entre o 20 e o 25 de agosto, cun balance positivo e unha ampla participación de público, malia as previsións climatolóxicas adversas que afectaron a parte da programación.
Desde o Concello destácase que a maioría das actividades puideron desenvolverse con normalidade, aínda que dúas delas sufriron modificacións pola meteoroloxía. O XXXV Certame de Bandas de Música, previsto na Praza do Cantón, trasladouse ao Auditorio Municipal ante o aviso de chuvia para o domingo. O concelleiro de Cultura, Manuel Diéguez Carballo, explicou que finalmente a precipitación se produciu pola noite e pediu desculpas ás persoas que non puideron acceder ao recinto ao completarse o aforo.
As actividades infantís programadas para o luns pola tarde no Parque Eloísa Rivadulla tampouco se puideron realizar e celebraranse finalmente o sábado 29 de agosto, entre as 17:00 e as 20:00 horas, na Praza do Cantón e na contorna da Casa da Cultura, con diversas atraccións de inchables.
Ese mesmo sábado, desde as 20:00 horas e unha vez finalizada a festa infantil, terá lugar na Praza do Cantón o espectáculo de danza e acrobacias de Circanelo, última actividade do Verán Cultural no municipio.
O Concello subliña que, malia os cambios puntuais, as festas desenvolveron unha programación completa na que destacaron o Folión de Carros, a Festa da Empanada, a sesión de fogos artificiais e unha nova edición do festival de DJ’s Ata o Chan, celebrado o venres das Patronais.






