
O PSdeG na provincia de Lugo apoiou este martes á veciñanza da Pobra do Brollón na manifestación convocada para denunciar a situación sanitaria do municipio e solicitar á Xunta de Galicia unha solución inmediata ante a falta de médicos de familia e de atención pediátrica no centro de saúde.
Na mobilización participaron a secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez; o portavoz socialista na Pobra do Brollón, Adolfo Rubio; e o alcalde de Ribas do Sil, Roberto Castro, que acompañaron á veciñanza nas rúas do municipio en defensa dunha atención sanitaria pública e estable.
Lara Méndez anunciou que o PSdeG trasladará ao Parlamento as demandas da cidadanía para que a Xunta cubra de inmediato as dúas prazas médicas vacantes, recupere o servizo de pediatría e garanta asistencia continuada no centro de saúde. Indicou que a situación da Pobra do Brollón se enmarca nos problemas de cobertura sanitaria presentes noutros concellos do rural galego.
A secretaria de Organización afirmou que a política sanitaria do PP provocou unha debilitación da atención primaria e reclamou á Xunta que garanta unha asistencia pública próxima e estable. Sinalou que a veciñanza precisa coñecer cando se cubrirán as prazas e ter a certeza de que o centro contará cos recursos necesarios.
O PSdeG insistiu en que o municipio precisa solucións e profesionais, e que residir no rural non debe supoñer un menor acceso á sanidade pública.
Segundo explicou o portavoz socialista no Concello, o centro de saúde da Pobra do Brollón carece actualmente de médicos de familia, malia ter asignadas dúas prazas. Unha delas quedou sen cobertura tras a marcha da facultativa que substituíra á profesional xubilada, mentres que a outra corresponde a unha médica en situación de baixa.
A atención médica limítase á presenza puntual dalgún facultativo nalgunhas tardes, sen un calendario fixo que permita garantir continuidade asistencial. A esta falta de persoal súmase a ausencia de atención pediátrica e unha atención de enfermaría restrinxida ao horario de mañá, o que está a provocar demoras nas citas de ata quince días e o desprazamento de numerosos pacientes ao PAC ou ao Hospital de Monforte.
Rubio advertiu das consecuencias desta situación nun municipio rural cunha poboación envellecida, con persoas maiores que viven soas, sen vehículo e dependentes doutras persoas ou dun taxi para desprazarse a Monforte. Lembrou tamén que durante o verán a poboación do municipio aumenta de maneira significativa e denunciou que, lonxe de reforzar os recursos sanitarios, a Xunta non está a garantir a cobertura necesaria.






