
A música folk volverá marcar a actividade cultural da Pobra do Brollón os días 11 e 12 de setembro coa duodécima edición de As Cores do Outono. O festival, de entrada libre, desenvolverá unha programación de dous días que terá como escenario principal a área recreativa de Samugueiros, onde o sábado actuarán Balteira, Ialma e Galega de Bailables.
A primeira cita chegará o venres ás 20.30 horas na Casa da Cultura Olga Novo. A actriz e xograresa ourensá Alba de Vales presentará Unha xograría de aldea, unha proposta para todos os públicos na que combina música e teatro a partir de historias vinculadas á memoria das aldeas, os romances de cego, os contos e as cantigas populares.
O sábado, a actividade trasladarase a Samugueiros, á beira do río Saa. Os postos de comida e artesanía abrirán ás 20.00 horas, unha hora antes do inicio dos concertos. Balteira será a primeira formación en subir ao escenario cun repertorio baseado na música de transmisión oral, interpretado con voces, percusións, acordeón e instrumentos de vento.
A noite continuará con Ialma, cuarteto de pandereteiras e cantareiras galego-belgas que chega á Pobra dentro do seu 25 aniversario. O grupo presentará Homenaxe, un espectáculo que percorre as súas raíces galegas desde a experiencia multicultural acumulada durante unha traxectoria de sete discos e actuacións en diferentes países.
Galega de Bailables pechará a programación musical do sábado. A formación, integrada por sete músicos e con varios dos seus compoñentes vinculados á Pobra do Brollón, levará a Samugueiros un repertorio pensado para o baile, con muiñeiras, xotas e outros ritmos interpretados con voces, percusións, ventos e zanfona.
As Cores do Outono chega así á súa duodécima edición mantendo a música galega de raíz como eixo do programa. O festival está organizado polo Concello da Pobra do Brollón e conta co apoio da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.



