
A Denominación de Orixe Ribeira Sacra reforzou a súa presenza nos certames internacionais tras conseguir un total de 18 distincións na edición de 2026 do Mondial des Vins Extrêmes, concurso especializado en viños procedentes de territorios con especiais dificultades de cultivo. A cita, organizada por CERVIM, desenvolveuse os días 25 e 26 de agosto.
Entre os resultados acadados destacan catro Grandes Medallas de Ouro, concedidas a Don Bernardino Mencía de Amandi 2025, de Don Bernardino; 1904 Mater Granite 2022, de Adega Vella; Viña Dariz Mencía 2025, de Bodega Caneiro; e Regina Viarum Mencía 2025, de Bodegas Regina Viarum.
A estes recoñecementos sumáronse outras catorce Medallas de Ouro obtidas por elaboracións de adegas como Vía Romana, Ponte da Boga, Rectoral de Amandi, Alma das Donas, Adega Vella, Pazo de la Cuesta, Marcelino Tierra y Vino ou Viñedos Zarzagal, entre outras.
O certame está considerado unha das principais referencias internacionais para os chamados viños heroicos, elaborados en zonas de montaña ou en áreas con fortes pendentes, características presentes nunha parte significativa dos viñedos da Ribeira Sacra.
A participación da denominación non se limitou ás mostras presentadas. A directora técnica da D.O., Beatriz Soto González, formou parte do panel oficial de cata encargado de avaliar os viños concursantes, representando a un territorio vinculado á viticultura heroica.•



