
A Pobra do Brollón volverá ser esta fin de semana punto de encontro coa nosa música de raíz coa duodécima edición de As Cores do Outono. O festival comeza este venres e continuará o sábado cunha programación de música, baile e escena.
A primeira cita será este venres ás 20.30 horas na Casa da Cultura Olga Novo. Alba de Vales, nome artístico da actriz ourensá Alba Grande, presentará «Unha xograría de aldea», un espectáculo para todos os públicos que mestura teatro e música a partir de romances de cego, contos, cantigas e memorias do mundo rural.
O sábado, a actividade trasladarase á área recreativa de Samugueiros, xunto ao río Saa. Os postos de artesanía e comida abrirán ás 20.00 horas e, unha hora máis tarde, comezarán os concertos. Balteira abrirá a noite cun repertorio baseado na tradición oral galega, reinterpretado con voces, percusión, acordeón e instrumentos de vento.
A continuación actuará Ialma, cuarteto de cantareiras e pandeireteiras galego-belgas que celebra 25 anos de traxectoria. O grupo chegará co espectáculo «Homenaxe», no que revisa as súas raíces galegas desde a experiencia multicultural de Bruxelas.
O peche corresponderá a Galega de Bailables, formación de sete músicos, varios deles vinculados á Pobra do Brollón. Muiñeiras, xotas e outros ritmos de baile articularán unha actuación con voces, percusión, ventos e zanfona.
As Cores do Outono está organizado polo Concello co apoio da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. A programación mantén a súa aposta pola música tradicional e polas novas lecturas do patrimonio oral galego.•



