
A transformación do leite en produtos de maior valor engadido centrou a visita que a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, realizou o pasado 5 de setembro a Lacto Baltar, en Chantada. A firma elabora doce de leite e conta cunha produción diferenciada no sector agroalimentario galego.
A empresa chantadina dispón para este produto da certificación do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia e do selo de Artesanía Alimentaria. Segundo Medio Rural, é a única elaboración de doce de leite da comunidade que reúne ambos distintivos.
A visita serviu tamén para abordar o peso da transformación na cadea láctea. Máis do 75% do leite producido en Galicia é procesado na propia comunidade, unha porcentaxe que a Xunta relaciona coa Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo 2020-2025 e cos investimentos da industria. Galicia achega ademais o 42% da produción de leite de España.
Gómez defendeu que procesar a materia prima preto da súa orixe permite manter unha maior parte do valor xerado no territorio e situou iniciativas como a de Lacto Baltar dentro desa orientación cara á diversificación e á procura de novos mercados.
Neste contexto, a Consellería resolveu a última convocatoria de axudas para transformación e comercialización de produtos agrarios. O programa, dotado con 23 millóns de euros, financiará 36 proxectos e incorporou dúas modalidades: unha para investimentos con finalidade ambiental e outra destinada a incrementar o valor das producións agrarias.
Medio Rural cifra en máis de 200 millóns de euros os fondos destinados na última década a estas políticas, cos que se apoiaron máis de 600 proxectos. As achegas buscan impulsar a modernización industrial e a transformación das materias primas do campo galego.•



