A cidade forma parte da Red de Juderías de España e da ruta que enlaza o patrimonio xudeu de Galicia e León

A pegada da comunidade xudía que habitou Monforte volveu ser protagonista o pasado domingo coa Xornada Europea da Cultura Xudía. O Concello programou dúas visitas guiadas polo casco histórico, ás 11.30 e ás 18.00 horas, para achegar ao público os espazos nos que está documentada a presenza de familias hebreas na cidade medieval.
O investigador monfortino Felipe Aira conduciu os percorridos, gratuítos e dunha hora e media de duración. O itinerario partiu da Oficina de Turismo, na rúa do Comercio, e fixo paradas na rúa Santo Domingo e a muralla, a Praza de Pescaderías, a Falagueira, a Porta Nova e o Campo da Virxe. A sesión da mañá rexistrou unha numerosa participación.
A actividade permitiu explicar sobre o terreo unha particularidade do pasado local: a poboación xudía non permaneceu concentrada nun barrio pechado, senón que conviviu coa cristiá en diferentes puntos da vila. A documentación histórica sitúa familias hebreas en lugares como Pescaderías ou a contorna da Falagueira, unha das rúas máis vinculadas á memoria sefardí monfortina.
As visitas formaron parte do Verán Cultural e coincidiron coa celebración europea dedicada este ano ao lema «Amor». A iniciativa desenvólvese en distintos países para divulgar a historia, o patrimonio e as tradicións das comunidades xudías.
Monforte participa nesta programación como integrante da Red de Juderías de España-Caminos de Sefarad, asociación de municipios que promove a recuperación e difusión da herdanza sefardí. A cidade forma parte tamén da ruta das xuderías de Galicia e León, xunto con Tui, Ribadavia e León.
A súa pertenza á rede incorpora este patrimonio a iniciativas culturais e turísticas compartidas con outras localidades e contribúe a divulgar a historia sefardí da cidade.•



