A quinta edición propón un percorrido de cinco quilómetros con saída e chegada na Praza da Compañía ás 12.00 horas

Monforte acollerá este domingo, 13 de setembro, a quinta edición de «Monforte en Marcha contra o Cancro», unha iniciativa da Asociación Española Contra o Cancro que combina actividade física, sensibilización e recadación de fondos para apoiar pacientes e familias e impulsar a investigación.
A saída será ás 12.00 horas desde a Praza da Compañía, onde tamén rematará un percorrido urbano de cinco quilómetros. A participación custa 10 euros e inclúe camiseta ata esgotar existencias. Quen queira colaborar sen realizar a proba pode facelo mediante o dorsal cero.
Este venres aínda será posible inscribirse na sede local da asociación, de 11.00 a 13.00 horas. O sábado habilitarase outro punto na rúa Cardeal, de 17.00 a 20.00, e o domingo será posible anotarse na Compañía entre as 10.00 e as 12.00 horas.
A organización conta coa colaboración do Concello. A área de Deportes e a Policía Local participan na coordinación do itinerario e dos cortes de tráfico, mentres o dispositivo incorporará Protección Civil e ambulancia.
Na presentación participaron o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, e a tenente de alcalde, Gloria Prada, quen animou á cidadanía a sumarse. O Concello mantén ademais cedidos tres locais á entidade para atender persoas con cancro e as súas familias.•



