O Programa Activa abrirá unha nova edición en Monforte coas 741 prazas para promover o envellecemento activo e a participación social no municipio. A iniciativa desenvolverase durante nove meses, do 19 de outubro ao 11 de xuño de 2027, cun orzamento municipal de 65.000 euros.
Das prazas dispoñibles, 714 serán ordinarias e outras 27 quedarán reservadas para usuarios dos Servizos Sociais. O Centro Cívico-Social concentrará 446 prazas en 27 grupos, mentres nas parroquias estímase unha participación próxima ás 268 persoas.
A programación inclúe ximnasia, taichi, ioga, actividades acuáticas, memoria, competencias dixitais e informática, ademais de propostas interxeracionais de cerámica, manualidades, costura e baile. Como novidade incorpórase CuidArte, centrada no benestar físico e emocional e especialmente dirixida tamén a persoas coidadoras. A idade mínima para as actividades interxeracionais baixa dos 16 aos 14 anos.
Todas as propostas serán gratuítas. O prazo para solicitar praza abrirá o 16 de setembro e rematará o día 30. As inscricións poderán tramitarse nos rexistros de Servizos Sociais e do Concello ou mediante a sede electrónica. Se a demanda supera as prazas dispoñibles, a adxudicación realizarase por sorteo.•



