A Explanada da Compañía reuniu participantes de 34 asociacións procedentes de Galicia, Castela e León e Huelva

O IV Encontro de Palilleiras reuniu na Explanada da Compañía arredor de 400 participantes de 34 asociacións. A cita levou a Monforte de Lemos afeccionadas ao encaixe de palillos chegadas de distintos puntos de Galicia, Castela e León e da provincia de Huelva, nunha xornada dedicada ao intercambio de técnicas e coñecementos.
As diferentes mesas de traballo permitiron ao público observar de preto a elaboración das pezas e coñecer a precisión que require esta actividade artesanal. O programa completouse cunha decena de postos especializados na venda de encaixes e materiais para palillar, con comerciantes procedentes de Galicia e Madrid.
O encontro, incluído no Verán Cultural, alcanzou este ano a súa cuarta edición e foi organizado polo Concello coa colaboración da Asociación de Palilleiras Ribeira Sacra. As representantes dos colectivos recibiron ademais un agasallo institucional como recoñecemento á súa presenza.
O alcalde, José Tomé, participou na apertura e destacou o labor das asociacións na transmisión do encaixe de palillos entre xeracións. A elevada participación fixo da Compañía un espazo para compartir experiencias entre persoas unidas por esta actividade e para achegar ao público o traballo das palilleiras.•



