
O fútbol do sur de Lugo abriu a competición cun balance positivo para os seus tres principais representantes. A Sarriana, de volta á Terceira Federación tras o descenso, estreouse cun triunfo por 1-3 na Estrada, mentres o Club Lemos venceu 0-2 ao Beluso e a SD Chantada sumou un punto no seu regreso á Preferente cun empate sen goles ante o Sigüeiro.
A Sarriana resolveu o seu primeiro compromiso con goles de Osián, Álex Pérez e Iago Parga. O equipo inicia unha nova etapa con Alberto Mariano no banco, técnico con ampla experiencia na categoría, e unha plantilla na que continúan futbolistas como Pirot e Iago Parga e se incorporaron, entre outros, Álex Cabarcos, Álvaro Uriarte e Adrián Rodríguez. Este domingo recibirá na Ribela ao Viveiro na segunda xornada.
Tamén comezou con vitoria o Lemos. Os monfortinos, dirixidos de novo por Alberto López, regresaron de Beluso cos tres puntos e afrontan a temporada coa intención de volver estar na zona alta despois de disputar a pasada campaña a fase de ascenso. O técnico considera competitivo o grupo, aínda que reclamaba ao peche da pretemporada un lateral e un atacante. A estrea na Pinguela será este domingo fronte ao Alertanavia.
En Chantada, o regreso á Preferente nove anos despois deixou un 0-0 ante o Sigüeiro no Sangoñedo. Adrián Méndez «Traste» mantén boa parte do bloque do ascenso, reforzado con xogadores como Diego López, procedente do Taboada, e Hamza, do Racing Vilalbés B. O obxectivo inicial pasa pola permanencia nunha categoría de maior esixencia.
A segunda xornada levará os chantadinos ao campo do Arzúa. Sarriana e Lemos, pola súa parte, xogarán ante a súa afección, nunha fin de semana que permitirá comprobar a continuidade do bo inicio dos dous equipos e a adaptación do Chantada á nova categoría.•



