A denominación participou na III Cata Histórica de Vino organizada nos Torreóns da Muralla de Ávila, un espazo declarado Patrimonio da Humanidade

A Denominación de Orixe Ribeira Sacra pechou en setembro o ciclo de accións promocionais que desenvolveu en distintas cidades do Estado para achegar os seus viños aos profesionais da sumillería. A última actividade tivo lugar en Ávila, tras as citas celebradas previamente en Madrid e Bilbao.
A denominación participou na III Cata Histórica de Vino organizada nos Torreóns da Muralla de Ávila, un espazo declarado Patrimonio da Humanidade. O encontro reuniu asociacións e especialistas procedentes de diferentes puntos de España.
A representación da Ribeira Sacra estivo integrada por catorce referencias pertencentes a once adegas, con presenza de catro viños brancos e dez tintos. A presentación correu a cargo de Juan José Figueroa Treus, presidente da Asociación Galega de Sumilleres, que explicou as características das elaboracións, as variedades e as singularidades do territorio produtor.
A participación nesta cita completou unha estratexia orientada a reforzar a difusión dos viños da denominación entre prescritores e profesionais do sector.•



