Os traballos corrixen filtracións e problemas estruturais e incorporan melloras na calefacción e na accesibilidade

As obras de conservación da igrexa de Santa Mariña, en Sarria, entran na súa fase final coa previsión de quedar rematadas en outubro. A Xunta destina 546.647 euros a unha intervención que, segundo avanzou o conselleiro de Cultura, José López Campos, está executada case nun 90%.
Os traballos céntranse en corrixir as filtracións de auga detectadas na cuberta, fachada, fiestras e torre, ademais de resolver problemas de estabilidade nos muros e na escaleira. A actuación inclúe a renovación da lousa e a reparación do entaboado da cuberta, así como a limpeza da cantería e o tratamento dos paramentos con morteiros tradicionais de cal.
O proxecto abrangue tamén a restauración das carpinterías exteriores deterioradas, a protección dos peitorís e do chapitel e a rehabilitación da estrutura e dos pisos da torre. A mellora das instalacións completarase coa substitución da actual caldeira de gasóleo e cunha nova rampla para facilitar o acceso ao templo e eliminar barreiras.
Santa Mariña foi construída entre 1883 e 1885 sobre o lugar ocupado por outro antigo templo. Está incluída na delimitación do Camiño Francés.•



