Entrevista a Elisa Pereira

Falamos con Elisa Pereira, fundadora de La Plantación, un proxecto multidisciplinar enfocado nas diferentes ramas do mundo cultural e artístico

La Plantación é un proxecto cultural nado en 2014 que cultiva como premisa fundamental a convivencia, para fomentar o diálogo activo entre os asistentes dos talleres e o ponente invitado. Foto: Elisa Pereira. Proyecto cultural La Plantación.

P: Que é La Plantación? Como xurdiu a idea do proxecto?
R: Ben, eu son Elisa Pereira, son de Ourense e estudei Realización e Fotografía. Sempre me gustou todo o mundo da imaxe, o cine, a fotografía e o ámbito artístico en xeral. Traballei sempre como fotógrafa e, en 2014, xurdiu a idea de LaPlantación, un proxecto multidisciplinar vencellado á arte. Ao principio comecei cos obradoiros no Centro Cultural Marcos Valcárcel, onde organizaba un formato de talleres exprés que se celebraban os venres pola tarde e durante toda a xornada dos sábados. Os venres incluïamos unha conferencia aberta e gratuíta para todas as persoas interesadas.
Ese mesmo ano empecei coas convivencias, porque o que me interesaba era crear grupos e compartir coa persoa convidada espazos durante os almorzos, os xantares e as ceas. Desde entón organizo talleres de fin de semana e de verán, normalmente na Ribeira Sacra, nunha casa rural na que permanecemos aloxados durante unha fin de semana ao ano ou durante seis días no verán.
Agora mesmo estamos nun taller práctico de Realización no que participan cineastas de todo o mundo e do que sairán cunha curtametraxe supervisada polo director de cine Víctor Erice, que xa impartiu varios talleres en La Plantación. Como che dixen, comezamos centrados no cine e na fotografía, porque é o ámbito do que eu procedo, pero fomos abríndonos a outras disciplinas. Desde a pandemia organizamos tamén actividades vinculadas ao pensamento, á filosofía ou á literatura.
Ademais, incorporamos formación en liña. Ao longo do ano celebramos pequenos talleres a distancia, normalmente os sábados pola tarde, nun horario que facilite a participación de persoas doutros países debido ás diferenzas horarias. Podo dicir que nestes anos pasaron moitas persoas de lugares moi diversos e que, entre o profesorado, contamos con figuras moi relevantes da escena cultural.

P: A vosa metodoloxía fundaméntase nos encontros entre asistentes e relatoras ou relatores convidados. Este modelo implica unha aprendizaxe colectiva, mesmo para quen imparte o obradoiro?
R: Desde o primeiro momento tiven claro que o que me interesaba era a convivencia precisamente por iso que comentas. Ao final, vés formarte cun director de referencia ou cun fotógrafo consolidado, pero todas as persoas achegan algo. Non aprendes só da persoa que imparte o obradoiro, senón tamén das compañeiras e compañeiros e, mesmo, do propio docente, que tamén leva aprendizaxes das persoas asistentes.

P: La Plantación é un proxecto independente, sen adscrición política nin financiamento externo. Como ocorre con outras iniciativas deste tipo, require un grande esforzo e afronta dificultades. Cales foron os principais obstáculos?
R: Ben, La Plantación son eu (risas), aínda que hai un par de persoas que colaboran comigo. En todo caso, Armando García Ferreiro é un piar fundamental do proxecto, porque ambos nos encargamos da programación de todas as actividades. Ademais, contamos cunha ou dúas persoas de apoio para cuestións de loxística, redes sociais, difusión ou a páxina web.
É un equipo moi pequeno e sacar adiante o proxecto non é doado. Estou moi orgullosa de conseguir construílo desde cero, pero é complicado porque, malia estar consolidado, as persoas autónomas vivimos sempre nunha situación de certa incerteza. Un taller pode funcionar moi ben e o seguinte moi mal.
A miña filosofía é intentar non cancelar ningunha actividade. Hai algunhas que non funcionan economicamente, pero outras compensan esas perdas. Non sei se iso é o éxito, pero para min é algo positivo. Para nós é importante programar segundo os nosos intereses e as nosas motivacións. Moitas das persoas que nos interesa traer non son figuras comerciais; escollemolas porque consideramos importante coñecer o seu traballo.
No mundo actual, onde todo funciona moitas veces polas modas, é normal que non esteamos na primeira liña mediática. Nós programamos aquilo que pensamos que merece ser difundido. Un exemplo claro é Víctor Erice, un cineasta cunha obra fundamental e cunha longa traxectoria. Como el, pasaron por A Plantación moitas outras persoas que poden resultar descoñecidas para a xente máis nova. Porén, o importante é recoñecer o seu traballo e a súa achega á cultura.

P: La Plantación ofrece experiencias con persoas de traxectorias consolidadas, como Víctor Erice. Porén, non adoitan ocupar o foco mediático. Como é a resposta da xente nova ao proxecto?
R: No caso concreto do taller de Víctor Erice, asistiu moita xente nova. É difícil falar do retorno ou da percepción do proxecto porque paso o día traballando diante do ordenador, moi centrada no que fago e bastante afastada doutras propostas semellantes. Non porque queira, senón porque intento sacar isto adiante. Iso si, sempre estou aberta ás colaboracións.
O que me transmite a xente que participa nos talleres é que La Plantación é vista como un proxecto consolidado. O que si percibo, como galega, é que se cumpre aquilo de que “na casa do ferreiro, coitelo de pau” (risas). A maior parte das persoas que veñen son de fóra de Galicia; a presenza de participantes galegos é relativamente pequena.
Nas convivencias longas de verán, como case todas as persoas proceden doutros lugares, procuramos que coñezan a contorna da Ribeira Sacra. Por iso organizamos visitas culturais guiadas con empresas locais para que comprendan mellor o territorio no que están.
Respecto da mocidade, a cuestión é complexa porque participar nun taller de fin de semana ou de seis días, con aloxamento nunha casa rural e todos os servizos incluídos, ademais da formación, supón un custo económico. A xente nova non sempre dispón desa estabilidade e iso dificulta a súa participación.
O que si me gustaría destacar é que, aínda sendo un proxecto completamente independente que vive integramente das matrículas dos asistentes, durante o verán contamos coa colaboración do Concello de Sober, que financia tres bolsas para que tres mozos ou mozas poidan asistir a un dos talleres estivais.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

«500 mulleres na arte»

Seguinte Nova

Un estudo propón novas estratexias para ampliar as estadías turísticas na Ribeira Sacra

Últimas noticias sobre PORTADA

«500 mulleres na arte»

A exposición «500 mulleres na arte», da artista e investigadora Concha Mayordomo, pode visitarse ata o 30 de outubro en distintos espazos
Ir aInicio

Don't Miss