
Por Chantada-Interior Galego Vivo presentou ante a Deputación de Lugo dous escritos para reclamar actuacións en estradas provinciais do municipio. A organización solicita a retirada dunha árbore caída que dificulta a circulación na LU-P-1814, entre Requeixo e Esmeriz, e demanda unha revisión da ponte do Seixo, situada na LU-P-1807.
Segundo trasladou ao organismo provincial, o peitoril esquerdo desta infraestrutura sobre o río Asma sufriu danos durante traballos de mantemento. A formación lembra ademais que continúa sen executarse unha iniciativa aprobada por unanimidade no pleno municipal en 2024 para reforzar a seguridade viaria na contorna desta ponte histórica e da curva próxima.•



